MEDIO AMBIENTE

O concello de Santiago participa no proxecto de educación ambiental para o cambio climático "Do Des-Equilibrio a Des-Carbonización"

06/11/2021 O concello de Santiago participa no proxecto de educación ambiental para o cambio climático ""Do Des-Equilibrio a Des-Carbonización", unha proposta enmarcada nas actuacións que se veñen desenvolvendo desde o 2017 nos Centros Socioculturais en relación ao cambio climático. Unha actuación conxunta das concellerías de Medio Ambiente, de Centros Socioculturais, de Medio Rural e de Mocidade, con intervencións nos CSC de Vite, Lavacolla, Conxo, A Rocha, Sar, O Ensanche e Figueiras.

A COVID-19 obrigou, en moi pouco tempo e sen preparación, a enfrontarnos a unha nova situación chea de elementos descoñecidos para a meirande parte da cidadanía: confinamento, distancia física, máscaras e luvas, etc. Pasados os momentos máis duros da pandemia, a nova normalidade preséntase como un enorme reto, non só polas medidas de seguridade para evitar novos rebrotes e confinamentos, senón polo desafío que supón saber sobrepoñernos ao acontecido, xestionar o medo, e manexar as novas formas de relacionarnos. Un reto que se asemella moito ao que, como sociedade, temos para enfrontar o cambio climático; un problema maiúsculo no que a xestión das novas situacións e os medos resultará fundamental.

"Do Des-Equilibrio a Des-Carbonización" pretende abordar esta incerta realidade a través dun traballo por separado –mocidade por un lado e terceira idade por outro–, que resulte nunha acción conxunta de DES-CARBONIZACIÓN na contorna inmediata. Deste xeito, a abordaxe das crises sanitarias e climáticas faise simultaneamente, partindo das necesidades e intereses da mocidade e da terceira idade, nunha intervención que mestura a educación emocional coa educación ambiental. Traballando conxuntamente, axuda aos máis novos a manexar a nova normalidade; e aos maiores a poñer en valor o seu papel na sociedade.

O proxecto é a continuidade da iniciativa "Descarboniza! Que non é pouco…" que, impulsado polo Grupo de Investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación Ambiental), da USC, ven desenvolvéndose nos centros socioculturais do Concello dende 2017. Impulsado pola Cooperativa sen ánimo de lucro Feitoría Verde, conta co financiamento da Deputación de A Coruña, a través da súa liña de axudas a actividades de medio ambiente, e co cofinaciamento dos Concellos de Santiago de Compostela, Padrón e Teo, onde se desenvolve de forma simultánea.

Compartir: