ALCALDÍA

O alcalde anima á cidadanía a seguir votando polo carballo de Conxo como "Árbore Europea do Ano", para asegurar a primeira posición

05/11/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo fixo un chamamento á cidadanía para que apoie ao "Carballo do bosque do Banquete de Conxo" como Árbore Europea do Ano. O carballo, presentado polo concello de Santiago, lidera a votación case desde o inicio da mesma, con máis de 13.000 apoios, pero nos últimos días estase estreitando a diferenza coa segunda clasificada, a "Sabina de Brancas" da comarca do Jiloca, en Teruel.

Ante este recorte, o rexedor anima a participar na votación, que se vai pechar o 20 de novembro. Pola mañá, durante a sinatura do convenio co IES Rosalía de Castro, sinalou que lle pediron ao instituto que colaborara coas votacións "imos de primeiros a nivel nacional, pero Aragón estase mobilizando e está acortando distancias". Cómpre un impulso para asegurar esa primeira posición, engadiu.

O concurso Árbore Europea do Ano, organizado por Bosques sin Fronteiras, celébrase desde 2011 e ten como obxectivo destacar as árbores antigas como importante patrimonio natural e cultural a conservar. As votacións son públicas e poden realizarse na web arboleuropeo.es.

Para emitir o voto é necesario acceder ao apartado ‘Votar por unha árbore', onde se amosan todas as candidaturas. Unha vez seleccionada unha, requirirase un email a onde se enviará un correo que haberá que confirmar para validar a participación.

Orzamentos
Na rolda de prensa dos venres, Sánchez Bugallo tamén amosou a súa intención de comezar a negociación do proxecto de orzamentos para 2022 a partires do 15 de novembro. "En función da receptividade que vexamos" nos distintos grupos da oposición, organizaranse as conversas sinalou. O rexedor asegurou que en principio, os aproximadamente tres millóns de euros de ingresos por plusvalías, incorporaranse os presupostos.

Segundo explicou foi o presidente da FEMP, a Federación de Municipios e Provincias, quen lle trasladou esa posibilidade aos concellos, xa que se espera que, "con caracter inmediato á publicación da sentenza polo Constitucional, o Goberno aprobe un decreto lei "para regular esta cuestión", engadiu Sánchez Bugallo.

Contrato de recollida de lixo
En canto ao contrato de recollida de lixo, Sánchez Bugallo explicou que o contrato está concluido, que xa foi convocado o novo concurso, "abertas as plicas, e estamos en proceso de que os técnicos municipais completen os informes para proceder á adxudicación". Unha vez se presente ese informe, previsiblemente para "a semana que ven, se procederá a reunir a mesa de contratación e a apertura da plica da oferta económica", segundo adiantou o rexedor. "Espero que para finais de novembro poidamos plantexar a adxudicación do novo servizo e que poida comezar, como estaba previsto, ao longo do primeiro trimestre do ano que ven".

O alcalde manifestou que o servizo, tal e como está neste momento, está "obsoleto", con vehículos e colectores por enriba da súa "vida útil" e con áreas da cidade que "non existían" no momento no que se deseñou o contrato, como Santa Marta ou novas áreas residenciais do Castiñeiriño.

Tamén realizou un chamamento á veciñanza, para que non deixen bolsas de lixo fora dos contedores. Sobre os obxectos voluminosos, lembrou que hai un servizo gratuito de recollida.

Mobilidade
O alcalde tamén recordou a proposta presentada para os Fondos Europeos Next Generation no ámbito da mobilidade. Unha proposta centrada, indicou, "na distribución de mercadorías na cidade histórica, e na habilitación dunha plataforma loxística en Meixonfrío". Cremos, engadiu, que os vehículos eléctricos autónomos de reparto, cuxo desenvolvemento, incluído no proxecto Smartiago se presentou onte, "serían unha marabillosa solución", e "estamos moi contentos" da implicación da empresa Vodafone no deseño e fabricación deste prototipo.

Pombal
Sobre o muro do Pombal, sinalou "non hai risco inmiente de derrubamento"; e que o contrato de obras, previsiblemente sexa adxudicado a finais de mes. Apuntou tamén ao 24 de novembro como data límite para a celebración do pleno extraordinario solicitado polos grupos da oposición. Hoxe estaba prevista a celebración da mesa de contratación para a adxudicación do proxecto de reforma, pero non se puido celebrar por problemas técnicos.

Compartir: