XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local adxudica o contrato de mantemento e conservación do Parque de Brandía á empresa Aspas Emprego

11/10/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación do contrato "Servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo do Parque de Brandía do Concello de Santiago de Compostela", reservado a centros especiais de emprego, á empresa Aspas Emprego S.L., por un importe de 261.701,22 euros, IVE incluído. Tanto deste, como dos demais asuntos tratados, informou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

En rolda de prensa, o rexedor tamén explicou que se acordou denegar a aprobación inicial do Estudo de detalle para establecemento de condicións estéticas de fachada nos chalés adosados na zona Z.1 do SUNP-29 (Brandía), presentado o 28.09.2018, porque "se quere manter", sinalou Sánchez Bugallo, "a unidade de conxunto; e calquera proposta de cambio debe ser aceptada por todos os propietarios". O que non pode ser, continuou, é que unhas edificacións "teñan un determinado tipo de galerías e outras outro".

Por outra banda, o goberno municipal aprobou a concesión das axudas para actividades culturais do sector profesional, por un importe total de 554.992.9 euros, das que se van beneficiar 32 entidades culturais. E tamén deu luz verde á reanualización do proxecto Smartiago, en aplicación do convenio de colaboración entre o actual Ministerio de Ciencia e Innovación (MCIN) e o Concello de Santiago e Compostela, financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo de crecemento intelixente (POCint) 2014-2020.

Convenios
A maiores, aprobouse o texto do convenio coa Asociación Médicos do Mundo no que se recolle unha subvención nominativa por valor de 10.000 euros, para o desenvolvemento do proxecto "Prevención e promoción da saúde do colectivo migrante desde unha perspectiva de DDHH e xénero fronte a Pandemia pola Covid 19".

Tamén se deu o visto bó o texto do convenio coa Asociación para a Promoción Social e Inserción Laboral Plataforma polo Emprego no que se recolle unha subvención nominativa por valor de 12.000 euros. Esta axuda ten como obxectivo principal aumentar a empregabilidade das persoas participantes no proxecto Compostela Convive, a través de accións centradas na adquisición de hábitos e de capacitación profesional, na orientación e no acompañamento cara o emprego; coa finalidade de favorecer a súa inserción laboral.

Por outra banda, recibiu luz verde o texto do convenio coa Asociación Cultural O Galo, por importe de 5.000 euros, para a realización de distintas actividades culturais.

Compartir: