XUNTA DE GOBERNO

O Concello concorre á convocatoria de subvencións do Ministerio de Industria e Comercio para financiar o proxecto "Commarket Santiago"

04/10/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, informou hoxe dos acordos adoptados na Xunta de Goberno Local, entre os que destacou o proxecto "Commarket Santiago", concretamente unha corrección de erros vinculada á solicitude de axudas da convocatoria do Ministerio de Industria "para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles cortas de comercialización no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia".

O importe total do proxecto ascende, IVE incluído, a 639.791,44 euros; dos que o Concello achega 132.675,44 euros. A cantidade restante, 507.116 euros, é a financiación que se solicitou ao Ministerio de Industria e Comercio na convocatoria de axudas.

Segundo explicou o alcalde, "Commarket Santiago" engloba distintas accións de apoio o comercio, algunhas que xa existen, como o programa "Coidar para mellorar" e outras de nova implantación "vinculadas á difusión e á dixilitación do comercio". O rexedor espera "ver atendidas estas solicitudes que se presentan"; e que permitirían financiar a maioría das seguintes actuacions:

1.Cartelería dixital e intelixente para o ensanche e casco histórico, que contempla a dixitalización destas dúas grandes áreas comerciais urbanas; e que contaría cun investimento estimado de 2.635,38 euros na anualidade de 2021 e 232.320 euros na de 2022.

2.Programa Coidar para Mellorar, que inclúe cheques de consultoría e liña de axudas destinadas o sector co obxectivo de contribuír á mellora e innovación do comercio local. Conta cun investimento estimado de 11.132 euros na anualidade de 2021; e 248.702,5 euros na anualidade de 2022.

3.Procura, inventario e posta a disposición para o sector comercial dun banco de recursos e ferramentas, con especial incidencia naquelas de descarga e uso gratuito para autónomos e pemes, dirixido á modernización da xestión dos negocios. Conta cun orzamento estimado de 17.500 euros na anualidade de 2022.

4.Campaña de difusión e posta en valor, nun entorno dixital, de experiencias comerciais. Consiste na realización de vídeos protagonizados polo empresariado local. Conta cun orzamento estimado para 2022 de 50.000 euros.

5.Reconversión da web www.comerciolocal.gal na web principal, multifuncional impulsora e potenciadora dos centros comerciais abertos composteláns; unha plataforma pensada para ser utilizada como medio de difusión dalgunhas das medidas comentadas en puntos anteriores. Conta cun orzamento de 6.500 euros na anualidade 2021.

6.Instalación de red WiFi no Mercado de Abastos, cun investimento previsto, no próximo exercicio, de 30.500 euros.

7.Deseño e desenvolvemento dunha plataforma de "ecommerce" para o Mercado de Abastos, cun investimento previsto, para 2022, de 40.500 euros.

Por outra banda, o executivo municipal aprobou a presentación dunha solicitude de axuda ao abeiro da convocatoria para a elaboración de proxectos piloto de plans de acción local da Axenda Urbana Española do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, para a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, por importe de 200.000 euros.

Outros acordos
Na Xunta de Goberno tamén se concederon varias licenzas, entre elas unha destinada á reforma e legalización de uso dun albergue localizado en Lavacolla, que conta cun orzamento de execución material de 115.103,11 euros; e unha superficie construida de 281,45 metros cadrados. O citado albergue tería unha capacidade de 24 prazas.

A maiores, aprobouse o expediente de contratación do "Servizo de mantemento dos ascensores e salvaescaleiras dos edificios e locais municipais", e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto, establecéndose un tipo de licitación de 120.762,55 euros.

Tamén se adxudicou o contrato da "Prestación do servizo de subscripción, actuación e mantemento da base de datos territorial do Concello de Santiago de Compostela á empresa Arnaiz Urbimática S.L. por un ano, por un importe de 11.500 euros.

Xa por último, deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o concello de Santiago de Compostela e a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, no que se recolle unha subvención nominativa por valor de 15.000 euros para o ano 2021.

Documentos relacionados



Compartir: