TURISMO

Santiago consolida a recuperación turística cun novo récord de turistas españois en agosto

24/09/2021 Santiago liderou amplamente o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España en pernoctacións en agosto, tal como fixera en xullo.

Os establecementos hoteleiros de Santiago de Compostela alcanzaron no pasado agosto o seu máximo histórico de pernoctacións de turistas españois durante este mes, con 156.278, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), consolidando a forte recuperación da demanda turística que está a vivir a cidade pese ao contexto do Covid-19.

Os anteriores máximos mensuais de agosto marcáranse nos anos 2009 e 2010, cando se chegara aos 128.000. Este récord de agosto súmase ao que tamén se conseguíu en xullo, cando por primeira vez se superaron as 100.000 pernoctacións de turistas domésticos neste mes, con 108.273 pernoctacións.

O dato de pernoctacións de turistas españois do INE en agosto afianza a recuperación da demanda turística da cidade, cun ritmo sustancialmente máis acelerado que no conxunto de España, chegando practicamente aos niveis previos ao Covid-19. Santiago tivo 186.392 pernoctacións no pasado mes, sumando as 30.114 de turistas internacionais. Con esta cifra, o descenso con respecto ao mes de agosto do 2019 foi de apenas o 1,5%, cando o descenso medio en España foi do 26,7%.

Esta recuperación máis rápida da demanda turística en Santiago pode comprobarse tamén analizando os datos do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, onde se atopan cidades con características similares. Santiago foi a cidade con maior número de pernoctacións, cun amplo marxe con respecto ás demáis, tal como xa sucedera no pasado mes de xullo. Tras Santiago, con 186.392 pernoctacións en agosto, sitúanse Salamanca, con 109.736, Córdoba, 106.596, e Toledo, con 87.744.

Os datos de pernoctacións de agosto van na mesma liña que os datos que se conseguiron no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro nese mes, cando foi o aeroporto co mellor comportamento de entre os principais aeroportos de España. O aeroporto de Santiago tivo en agosto 270.304 pasaxeiros, cun descenso de apenas o 8,6% respecto do 2019, cando o descenso medio dos aeroportos españois foi do 38,9%.

Estas cifras confirman as previsións de Turismo de Santiago, que estimaban unha forte recuperación do turismo español nos meses centrais de verán. O turismo internacional, que estaba vivindo un crecemento moi importante nos anos previos ao Covid-19, está tendo unha recuperación máis acompasada á evolución da pandemia nos diferentes países.

Compartir: