MOBILIDADE

Gonzalo Muiños participa no II Foro de Mobilidade, celebrado na Coruña

22/09/2021 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños, participou onte no II Foro da Mobilidade, organizado pola Mesa da Mobilidade do Concello da Coruña, que tivo lugar no Museo Científico Domus da cidade herculina.

Muiños particiou en concreto no coloquio "A nosa mobilidade urbana", na que os concelleiros de mobilidade das grandes cidades galegas expuxeron as realidades de cada unha das urbes e disertaron sobre "os avances e resistencias na gobernanza da mobilidade local".

O edil centrou a súa intervención na xestión da mobilidade na capital de Galicia, á que entran todos os días arredor de 200.000 vehículos, pois Santiago aúna a condición de capital, cidade universitaria, administrativa e cabeza dunha importante área sanitaria, ademais de urbe de referencia para moitos veciños e veciñas de municipios da contorna.

Muiños salientou que a prioridade municipal é a seguridade peonil, na que se traballa dende varios ámbitos. Un deles é o da educación viaira nos centros educativos, tarefa que leva a cabo a Policía local durante todo o curso escolar. Tamén quixo destacar o concelleiro o programa "Colecamiños", que busca fomentar a autonomía dos máis pequenos á hora de acudir ao colexio e evitar tamén os atascos nas entradas dos centros educativos da cidade. Neste sentido, tamén destacou a peonalización de diversas zonas da cidade para dar prioridade á quen se move a pé, como por exemplo, a do ámbito de Mazarelos.

A intermodal foi outro dos asuntos que abordou na súa intervención, pola incidencia que terá na mobilidade de Santiago. "É un auténtico luxo contar con esta infraestrutura no centro da cidade", indicou Muiños.

O coloquio insertouse nunha xornada que contou cunha primeira mesa denominada "A mobilidade sostible" na que participaron o representante da Área Sanitaria da Coruña-Cee, cunha charla sobre a relación entre saúde e mobilidade; a coordinadora técnica da Red de Ciudades que Caminan, Ana Montalbán, e o arquitecto Mateus Porto, que falaron sobre "cidades do futuro, cidades camiñables"; e que rematou coa exposición do deputado de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez.

Compartir: