EDUCACIÓN

Arranca o curso na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela con máis de 400 matrículas

22/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Educación, Rubén Prol, visitaron esta tarde a Escola Municipal de Música con motivo do inicio do curso escolar 2021-2022. A Escola comezou o novo ano académico o pasado 9 de setembro con máis de 400 alumnos e alumnas.

A visita iniciouse na terceira planta pola aula de guitarra, onde o profesor Marcos Teira estaba a impartir unha clase a un alumno de segundo nivel. Continuou pola zona de administración e aulas de teoría nas que coñeceron alumnado de distintos niveis de Linguaxe Musical e idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos.

Tamén visitaron as aulas dos máis pequenos da Escola de Música e Movemento, para rematar co ensaio da Orquestra dirixida por Fernando Rey, director da Escola.

A Escola Municipal de Música, creada en 2003, busca impartir un ensino de calidade e ten como obxectivo prioritario o fomento da educación musical e a práctica da música dende a primeira infancia. Ademais potencia a colaboración con outras institucións como son o IV Ciclo da USC, a Aula Hospitalaria do CHUS, Down Compostela, Museo de Historia Natural, etc...

A Escola conta con nove agrupacións musicais: orquestra, banda, orquestriña (8 a 12 anos), bandiña (8 a 12 anos), coro infantil, coro xuvenil, coro de adultos, agrupación tradicional e agrupación moderna. Ten un plantel de 20 docentes titulados e especializados en cada unha das materias impartidas, persoal de servizos e de administración.

Pódense cursar as seguintes especialidades instrumentais:
Violín, viola, violonchelo e contrabaixo (corda friccionada); frauta, clarinete, saxofón, gaita (vento madeira); trompeta, trompa, trombón, bombardino (vento metal); guitarra española e arpa (corda pulsada); piano e acordeón (tecla pulsada); corda pulsada, guitarra eléctrica e baixo eléctrico (música modera); e percusión.

Compartir: