OBRAS

O departamento de Obras do Concello está desenvolvendo máis de 30 actuacións, cun investimento superior aos 10 millóns de euros

22/09/2021 Neste momento, o departamento de Obras do concello de Santiago ten en marcha máis de 30 actuacións, cun investimento superior aos 10 millóns de euros. Hoxe, o concelleiro de Obras, Javier Fernández, deu conta das máis importantes. Entre as que están en execución destacou a reurbanizacion da rúa dos Concheiros e a da rúa do Hórreo. E xa no apartado de licitación, resaltou a rehabilitacion do palacete da Finca do Espiño, xa adxudicada, e "a punto de comezar".

O concelleiro indicou que 13 desas actuacións son con cargo os remanentes. A previsión, sinalou, é que esas obras se executen antes de que remate o ano.

Javier Fernández, agradeceu paciencia e comprensión da veciñanza, "o gran traballo que está a facer a brigada", así como a colaboración doutros departamentos do Concello; e o labor do persoal de Obras. "Sen o seu traballo, engadiu, estas actuacións non serían posibles".

Entre as obras en execución, o concelleiro destacou as seguintes:

A reurbanización da rúa dos Concheiros, cun orzamento de 2.651.608,87 euros. Respecto destas actuacións indicou que hai un cambio nas telecomunicacións e no saneamento de pluviais que apareceron a posteriori, que non estaban contemplados. Cambios, subliñou, "que agradecerá a veciñanza", xa que van favorecer o barrio. Eses días que a empresa traballou a maiores, "hai que compensarllos" en tempo. Pero reiterou, neste momento "non hai restraso".

A reurbanización da rúa do Hórreo na fronte da estación Intermodal, cun orzamento de 610.000 euros. O arquitecto xefe do servizo de Proxectos e Obras, Antonio Ranedo, explicou o desenvolvemento dos traballos. Sinalou que cando levantaron o pavimento, a sección construtiva que apareceu non se correspondía coincidía cos planos aportados por Demarcación de Carreteras, e "estamos axustando un pouco esa sección". Por outro lado, continuou, "mativemos reunións con Adif para darlle continuidade a esa beirarrúa coa plataforma que eles van construir, para xerar aí unha praza. Tamén se realizaron uns axustes das rasantes dunha e outra obra. Mañá xoves, comezará a chegar pavimento de baldosa e confiamos que a partir da semana que ven se comece a ver de novo movimento". Estes axustes, indicou, "son habituais conforme se avanza nunha obra, sobre todo nas situadas en espazos urbanos consolidados. Os condicionantes sempre teñen consecuencias para a obra", finalizou.

A urbanizacion da ZL-75 do PERI de Fontiñas, na rúa Valiño, cun orzamento de 165.876,26 euros.

O acondicionamento do aparcadoiro de Altiboia, cun orzamento de 208.907,95 euros.

O acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño, cun orzamento de 335.474,56 euros.

A mellora da accesibilidade ao Pazo de Raxoi, cun orzamento de 40.536,45 euros.

A reforma dos aseos na rúa Trindade e na Alameda, cun orzamento de 397.886,38 euros.

Os aseos públicos na Avenida de Raxoi, cun orzamento de 208.817,86 euros.

A substitución das caldeiras do Pazo de Raxoi, cun orzamento de 137.704,16 euros.

A rexeneración do pavimento na Avenidad de Asturias, cun orzamento de 517.204,47 euros.

A renovación do céspede do campo de fútbol do Sergas, cun orzamento de 568.267,15 euros.

A zona cuberta de usos múltiples de Santa Marta, cun orzamento de 165.000 euros.

A ponte Vella de Arriba, en Vidán, cun orzamento de 126.959,15 euros.

O acondicionamento da praza de acceso ao campo de fútbol de Santa Isabel, cun orzamento de 71.995 euros.

A restauración das fontes do Toural e da Praza de Cervantes, cun orzamento de 16.893,35 euros.

O desbaste dos bordes das beirarrúas en varios puntos da cidade, cun orzamento de 48.000 euros.

Das obras en proceso de licitación, o concelleiro Javier Fernández citou:

A rehabilitación do palacete da Finca do Espiño, cun orzamento de 1.425.922,90 euros, cuxas obras están a piques de comezar.

A reforma do muro do Pombal, cun orzamento de 368.639,87 euros.

A rehabilitación do Centro Sociocultural Salvador Parga, cun orzamento de 282.030,62 euros.

A rexeneración asfáltica dun tramo da Vía Edison, cun orzamento de 120.000 euros. O concelleiro pediu a colaboración da Xunta para acometer, nun futuro, o reasfaltado de todo o polígono.

A rexeneración asfáltica na cidade, divida en dous lotes de 390.000 euros e de 430.000 euros.

A accesibilidade en diversos puntos da cidade, cun orzamento de 247.000 euros.

A estabilizacion do noiro e o acondicionamento e mellora na rúa do Bidueiro, en Vidán, cun orzamento de 190.470,31 euros.

As actuacións de mantemento na plataforma da Avenida Xoán XXII, cun orzamento de 287.980 euros.

A mellora dos accesos peonís aos centros educativos de Lamas de Abade, cun orzamento de 126.711,20 euros.

Documentos relacionados



Compartir: