XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba as bases para a selección do alumnado do obradoiro de emprego Creas IV

21/09/2021 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases para a selección do alumnado traballador e do persoa director e docente do "Obradoiro dual de emprego Creas IV do concello de Santiago de Compostela". Este obradoiro, que conta cun orzamento de 439.196 euros, terá unha duración de 19 meses, e permitirá formar a 20 persoas en situación de desemprego.

O obradoiro de emprego dual "CREAS IV" é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas a través da súa cualificación profesional. Alterna formación e experiencia laboral coa realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social; co obxectivo de mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e favorecer a súa posterior inserción no mercado de traballo.

A través deste obradoiro impartiranse dúas especialidades: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas; e confección e publicación de páxinas web. En canto as actuacións a realizar son as seguintes: rexeneración e mantemento dos montes das contornas de Santiago; e a páxina web "Parque agrario de Santiago".

Ademais, este obradoiro de emprego permitirá contratar a catro persoas a xornada completa: un director, un mestre de confección e publicación de paxinas web, un mestre de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, e un mestre de formación complementaria.

Outros asuntos
Na reunión do goberno municipal tamén se deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e Abanca Corporación Bancaria S.A para a entrega e distribución dos fondos das axudas do "Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas e establecementos hostaleiros do Concello de Santiago", a través dos bonos "Corazón Compostela"; e da sinatura do convenio entre o concello e o Ateneo de Santiago.

Compartir: