POLÍTICAS SOCIAIS

Recepción aos participantes na iniciativa "Camiñando polo dano cerebral", que realizaron o treito final do Camiño de Santiago

17/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu hoxe ás persoas da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) que participaron no percorrido do treito final do Camiño de Santiago, no marco da iniciativa "Camiñando polo dano cerebral". Unha iniciativa, que tamén se levou a cabo noutras cidades, como Ourense, e que ten como obxectivo visibilizar a realidade das persoas con dano cerebral e para conciencias as administracións de que son precisos máis recursos para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas.

Sánchez Bugallo destacou o labor das distintas asociacións que traballan coas persoas afectadas por dano cerebral; e subliñou que para o Concello é unha gran satisfacción colaborar con estas entidades. O rexedor rematou sinalando que "Santiago se honra en recibir a todos os peregrinos, pero especialmente a todos aqueles que foron capaces de superar tantas dificultades". Pola súa banda, o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, destacou a hospitalidade de Compostela, e agradeceu a colaboración do concello de Santiago no acto.

No percorrido, entre o convento de San Francisco e a Praza do Obradoiro, as aproximadamente duascentas persoas participantes estiveron acompañadas por distintos membros da Corporación Municipal: as concelleiras de Políticas Sociais, Mila Castro; a de Deportes, Esther Pedrosa; María Castelao, do Grupo Popular; Branca Novoneyra, de Compostela Aberta; e a portavoz do BNG local, Goretti Sanmartín. Na Praza do Obradoiro, ademais do alcalde, esperábanos os concelleiros de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte; de Mobilidade, Gonzalo Muíños; e Marta Lois, voceira de CA. Xa máis tarde, incorporáronse ao grupo a conselleira de Políticas Sociais, Fabiola García, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

O acto rematou cos discursos institucionais, e coa lectura dun manifesto por parte de cinco persoas con dano cerebral adquirido.

FEGADACE
A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) constituiuse en maio de 2007 polas cinco asociacións galegas de dano cerebral adquirido (ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago). É unha organización non gobernamental, privada, independente, apartidista e aconfesional comprometida coa defensa dos dereitos das persoas con dano cerebral adquirido. FEGADACE está declarada Asociación de Utilidade Pública desde decembro de 2013.

FEGADACE persegue a defensa dos intereses e a mellora da calidade de vida dos galegos e galegas con dano cerebral adquirido e dos seus familiares. Pretende sensibilizar á sociedade en xeral con respecto á dimensión desta discapacidade, implicar ás institucións e cantas iniciativas se dirixan a resolver os retos da rehabilitación, inclusión e normalización social do colectivo.

Esta entidade desenvolve o seu labor dentro dos seguintes ámbitos de actuación:

Apoio e asistencia ás entidades federadas e familias de persoas con dano cerebral adquirido.

Información, sensibilización, divulgación e investigación sobre o dano cerebral.

Intervención e desenvolvemento de programas e proxectos dirixidos ás entidades federadas e ás persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.

Captación de fondos.

Representatividade e incidencia política.

Compartir: