SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local controlará as distraccións ao volante do 16 ao 22 de setembro

16/09/2021 A Policía Local participará nunha nova campaña especial de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico, desta vez centrada nas distraccións na condución. Os controis realizaranse entre o 16 e o 22 de setembro.

As distracións ao volante aparecen frecuentemente como factor concorrente nos accidentes con vítimas mortais, principalmente motivados polo uso indebido de teléfonos móbiles, navegadores GPS ou outros dispositivos. Por exemplo, o uso do teléfono móbil multiplica por catro o risco de accidente, equiparándoo ao de facelo baixo os efectos do alcohol.

Canto maior é a velocidade do vehículo, menor marxe de reacción ten o condutor fronte aos imprevistos e máis conveniente resulta que se concentre totalmente na tarefa de conducir e trate de evitar as posibles distraccións. Velocidade e distracción convértense así nun binomio que aumenta moi significativamente os niveis de risco durante a condución.

Os tipos de accidente máis frecuentes debido á distracción son a saída da vía, choque co vehículo precedente ou atropelo.

Hai estudios que indican que o uso do teléfono móbil convencional durante a condución aumenta de catro a seis veces o risco de colisión respecto ao risco en condicións normais de condución. Marcar un número de teléfono móbil, responder a unha chamada telefónica, ler ou contestar un whatsapp, acender un cigarro ou axustar a radio mentres se conduce supón apartar a vista da estrada durante un tempo, período no que o vehículo circula sen control e poden xurdir circunstancias que provoquen un grave accidente.

Dentro das causas máis frecuentes de distracción, ademais das relacionadas co teléfono móbil, figuran tamén circular baixo os efectos do alcohol; mirar ou ler ao conducir un diario, un mapa, etc.; levar nenos/as alborotando ou chorando, tratar de expulsar un insecto do coche; fumar ao volante ou utilizar indebidamente os sistemas de navegación ou GPS.

Tamén hai outros factores relacionados directamente co condutor que favorecen as distraccións, como a fatiga e a somnolencia; o estrés, a ansiedade ou a depresión; a idade avanzada; o consumo de alcohol ou certas características de personalidade.

Compartir: