MOCIDADE

O Centro Xove de Creación Cultural pon en marcha as actividades para o curso 2021/2022

16/09/2021 O concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, presentou hoxe a programación do Centro Xove de Creación Cultural, localizado na Almáciga, para a tempada 2021/2022, que abrangue os meses de setembro a xuño. Un programa que combina formación, ocio, e distintos servizos con alta demanda entre a xente moza, entre eles tres locais de ensaio para bandas, un estudo de gravación, unha ludoteca ou un servizo de mediación de proxectos culturais. Tamén conta cun grupo de teatro e cun coro.

Este mes de setembro, segundo explicou o concelleiro Rubén Prol, "estamos centrando a nosa actividade na apertura do sevizos de locais de ensaio e tramitación de novas bandas". Neste momento estanse pondo a disposición daquelas bandas que o solicitaron os tres locais de ensaio dispoñibles; así como o de gravación: amosándollos, concretando os horarios, etc. Está previsto. sinalou "que este servizo comece a funcionar a semana que ben". Recordou ademais, que o prazo de solicitudes par o uso destes locais está sempre aberto, para que, quen os precise, poida solicitalos "en calquera momento".

Rubén Prol informou que neste momento están co proceso de selección de persoas para as actividades formativas, e coas pre-inscricións no grupo de teatro e no coro do Centro Xove. En outubro está previsto que comecen os ensaios estes dous grupos.

Formación
En outubro tamén comezará a actividade formativa. Será en liña, cos cursos de "SEO básico" e "Creación de proxectos culturais". Tamén se vai ofertar un curso de boas práticas nos locais de ensaio, orientado ás novas bandas.

Nos seguintes meses, iranse ampliando esta oferta con novas accións formativas, entre elas edición básica de vídeo, xestión de redes sociais, formación instrumental para bandas, creación de logotipos, linguaxe musical, podcasting, creación de contidos en liña, fotografía, produción de videoclips, etc.

Este ano a programación combina formación en liña e presencial. Esta última incorporarase pouco a pouco, en función de como evolucione a pandemia. Esta formación, que é toda de balde, está destinada a unha franxa de idade de entre 14 e 35 anos.

Servizos
No mes de outubro comezarán a funcionar, no Centro Xove, os servizos de coaching e acompañamento para bandas residentes; un servizo de libraría de favoritos, a través do cal a persoa usuaria solicita un libro, mércase e, unha vez que o lea, queda depositado no centro; un servizo de mediación de proxectos culturais; e a ludoteca Almazinguer Z.

A estes servizos uniranse outros, nos meses seguintes, como un espazo para propostas da mocidade, ou un servizo de mediación en proxectos culturais. En decembro está previsto lanzar dúas novidades: un servizo de creación de videoclips para bandas, con dúas bandas por mes; e o servizo Live Jamming!, que consiste nun concerto en streaming con bandas residentes.

A esta programación básica iranse engandindo novos programas e eventos adicionais, como o de "Noites alternas", ou outras actividades formativas ou de ocio que demandan as persoas usuarias.

As persoas interesadas en realizar algunha das actividades formativas, ou en utilizar algún dos servizos que ofrece o Centro Xove, poden solicitar máis información a través do correo electrónico info@centroxove.com; ou no teléfono 722 720 992.

Ademais, poden acceder a toda a información sobre o Centro Xove, así como aos servizos e actividades ofertados, na web do Centro Xove.

Compartir: