ACCIÓN CULTURAL

A quinta edición da Selic devolve os libros á rúa do Vilar de Santiago

10/09/2021 A Selic 2021 xa está en marcha. Os libros volven conquistar as rúas de Santiago desde todos os puntos de vista con medio cento de participantes e medio cento de libros protagonistas. O público, as lectoras e as lectoras, é un participante esencial do festival e así o demostrou desde a primeira acción do festival da lectura con Carlos Negro e Benxamín Otero.

Nesta xornada inaugural, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, visitou o festival da lectura xunto á concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e representantes da Universidade de Santiago de Compostela como a vicerreitora de Cultura, Mar Lorenzo, e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés. Tamén estaban presentes representantes dos grupos da oposición: Alejandro Sánchez Brunete, do PP; Marta Lois e Branca Novoneyra de Compostela Aberta; e Navia Rivas, do BNG.

Neste primeiro día da Selic, por mor da intermitente choiva, as actividades leváronse a cabo no interior de Afundación. Con todo, o brindo –o canto do Caurel– e a regueifa de Kike Estévez e Lupe Blanco chegou ata a rúa do Vilar para sorpresa de camiñantes, peregrinos e xentes de Compostela, que puideron vivir en directo como é a improvisación que caracteriza estes cantos tradicionais.

As librarías e editoras de Compostela están representadas nos dez expositores que conforman o espazo da Selic na rúa do Vilar, que pasa a ser a milla da lectura de Santiago desde este venres ata o 19 de setembro. aCentral Folque, Alvarellos editora, Árbore Azul, Bunker Books, Carlos Meixide, Consorcio de Santiago, Cuarto de inverno, Fundación Anselmo Lorenzo, Irmás Cartoné, Libraría Lila de Lilith, Libraría Numax, Libraría Pedreira, Libraría Aenea, Patas de peixe e o Servizo de Publicacións da USC pasarán polo festival.

A Selic busca a participación do público e, para iso, deixa a un lado formatos tradicionais como as presentacións de libros para converter a súa programación nun diálogo entre as persoas que len. "Santiago é unha cidade de lectura, unha cidade para ler e, ademais, unha cidade que presume de poder ser lida", salientou o director desta quinta edición da Selic, Camilo Franco.

A rúa do Vilar, histórica rúa dos libreiros composteláns, recupera estes días ese papel protagonista con actividades como a charla do científico Xurxo Mariño sobre o que lle aporta a lectura ao noso cerebro, que terá lugar este sábado ás 12.00 horas; a conversa entre as tradutoras María Reimóndez, Celia Recarey e María Alonso Seisdedos, moderada por Gabriel Álvarez, ás 19.00 horas; ou o obradoiro sobre biografías que impartirá Arancha Nogueira ás 13.00 horas do mesmo sábado.

Unha programación que transita pola narrativa, a poesía, o ensaio, a tradución, o cinema, o teatro, a ilustración, os contacontos, a música e o xornalismo e que se pode consultar integramente na web selic.gal.

Horarios
Na fin de semana o horario do festival irá das 11.30 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 21.00 horas. Durante a semana as actividades centraranse na tarde, de 16.30 a 21.00 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: