ALCALDÍA

Sánchez Bugallo salienta que o curso comezou con "normalidade" en Santiago

10/09/2021 Tras o arranque do curso escolar de infantil e primaria e da chegada do colectivo universitario, o alcalde de Santiago destacou "a normalidade" coa que se desenvolveu a semana na cidade.

Xosé Sánchez Bugallo quixo facer mención especial á noite do xoves ao venres, na que houbo "preto de mil mozos e mozas" polas rúas da cidade. A Policía local tramitou máis de 60 propostas de sanción e realizou varias intervencións para dispersar concentracións de persoas ás portas de varios locais de ocio nocturno, aínda que "sen incidentes relevantes". Tamén deixou claro o rexedor que houbo "un rigoroso cumprimento dos aforos por parte destes locais".

Unha vez máis, chamou á prudencia e á responsabilidade no cumprimento das medidas anti-covid, "pois o da xente nova é o colectivo coa menor porcentaxe de vacinación". Salientou que "a nosa taxa de casos activos está por debaixo de 150, que marca o límite entre o nivel medio e o alto, polo que estamos cun nivel medio consolidado, camiñando cara ao baixo". Sánchez Bugallo agarda que a tendencia se manteña e que, como consecuencia, os sectores da hostalería e o turismo "sigan funcionando con normalidade". A este respecto, cualificou os datos de ocupación hoteleira de agosto de "extraordinariamente positivos".

Obras
Tamén esta semana arrancaron as obras no Hórreo que, indicou, "están funcionando razoablemente ben", unha vez os condutores e condutoras se van adaptando ás modificacións. En canto a Concheiros, avanzou o rexedor que esta noite se intentará proceder de novo ao aglomerado da rúa, en horario de 20.00 h a 4.00 h, aínda que "se non fose posible, realizaríase mañá sábado a partir das 8 da mañá". O obxectivo é que a conectividade nesa zona mellore "sensiblemente" a partir do luns 13, tendo en conta tamén a apertura de Rodríguez de Viguri desde hoxe pola tarde.

Compartir: