CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese o periodo de inscrición para cubrir as 500 prazas ofertadas nas distintas actividades programadas polos centros socioculturais do rural

07/09/2021 O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, presentou hoxe a programación da rede de Centros Socioculturais para a zona rural, para o periodo comprendido entre o 1 de outubro e xuño de 2022. Ofértanse, aproximadamente, medio millar de prazas para as distintas actividades que se desenvolverán nos 20 espazos socioculturais do rural; ás que se engaden outras 150 nos espectáculos incluidos no Festival Galicreques e no Fegateatro. Este ano, as principais novidades son as actividades de envellecemento activo e de "cultiva o corpo" que se levarán a cabo na maior parte dos centros.

A preinscripción, que comeza hoxe e finaliza o próximo día 17, realizarase preferentemente vía online, a través da web do concello, cubrindo o formulario. Tamén se pode realizar a través do teléfono 981 54 23 50, indicando o centro sociocultural, a actividade e o horario da actividade.

José Manuel Pichel explicou que o número de prazas continúa adaptado á normativa sanitaria vixente. Neste momento son seis persoas por grupo; a excepción de artes escénicas, onde se contempla, seguindo os protocolos anticovid, a metade do aforo. En caso de ter maior número de preinscricións que de prazas, resolverase mediante sorteo público. O día 24 publicaranse as listas de admitidos e a formalización da matrícula será entre o 25 e o 30 de setembro.

Actividades
O programa para os próximos meses contempla actividades infantís, actividades senior, destinadas a adultos e para todos os públicos, que se desenvolverán en 20 espazos socioculturais do rural: na Gracia, A Peregrina, Bando, Busto, Enfesta, O Eixo-Bornais, Figueiras, Grixoa, Lamascal, Laraño, Lavacolla, Cesar, Marantes, Marrozos, Nemenzo, San Xulián do Carballal, Santa Cristina de FEcha, Verdía, Aríns e no Centro Sociocultural de Villestro.

Entre estas actividades figuran xogos, manualidades, obradoiros creativos, obradoiros dixitais, obradoiros de ciencia divertida, faladoiros e accións de animación á lectura, informática para nenos e nenas, xornadas de apoio ao estudo, e distintas actividades de envellecemento activo. Tamén hai un espazo para as artes escénicas, con Galicreques e Fegateatro. A estas sumaránse, segundo explicou o concelleiro, as actividades estacionais que se vaian programando na rede de centros socioculturais, como son "Descarbonízate que non é pouco", "Vive o Nadal", "Vive o Entroido", "Imos de excursión", "Día das Letras Galegas" e "Vive o Verán".

Unha chea de actividades, sinalou José Manuel Pichel, "pensadas para que todas as persoas do noso rural poidan gozar, aprender, e socializarse coas distintas accións programadas".

Todas estas actividades, organizadas polo Concello coa colaboración da Deputación da Coruña, pódense consultar e descargar no código QR inserido nos carteis informativos. Tamén se pode obter máis información nos propios centros socioculturais e na web do concello de Santiago.

Direcciones relacionadas



Compartir: