ACCIÓN CULTURAL

Santiago acollerá sete concertos da XI edición do festival Peregrinos Musicais e a Gala Laureados

07/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo; a directora do festival, Ilona Timchenko; e o director adscrito da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalave, presentaron no Museo das Peregrinacións a XI edición deste festival, que arranca o próximo 11 de setembro, e que contará este 2021 con quince citas imprescindibles para os amantes da clásica, ademais da Gala Laureados, na que os sete finalistas desta edición compiten para alzarse co premio final.

A XI edición do Festival Peregrinos Musicais viu hoxe a luz nunha rolda de prensa na que se debullou unha programación extensa e moi ecléctica, que arrancará o próximo 11 de setembro, e que contempla as actuacións de 25 intérpretes, repartidas entre Santiago de Compostela, Valga, Abadín, Cambados, A Guarda e Lourenzá. Unha particular peregrinaxe musical que, como cada ano, contará cunha especial Gala Laureados, que se celebrará o 17 de setembro no Auditorio de Galicia, na que o sete finalistas medirán o seu talento para alzarse co galardón final do certame.

Esta undécima edición foi presentada no Museo das Peregrinacións por polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo; a directora do festival, Ilona Timchenko, e o director adscrito da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalave, nun acto no que se deu conta da programación, dividida en programa principal -7 citas- e concertos do ciclo "Ou Teu Xacobeo" -8 citas-.

Un programa que busca achegar a música clásica ao gran público
Nesta ocasión, a aposta da organización foi clara: achegar a música ao público, en lugar de tentar levar o público ata a música. Por iso, aos tradicionais escenarios do Auditorio de Galicia ou a Igrexa de San Francisco, en Compostela, únense este ano novos espazos.

Unha peregrinaxe moi especial que permitirá ao público de toda Galicia gozar de pezas de grandes artistas, desde Chopin a Falla, desde Mendelssonh a Pachelbel, interpretadas por artistas de todo o mundo, consagrados intérpretes e novas promesas, cuxo paso por Peregrinos Musicais é a principal razón de ser dunha cita que leva máis dunha década apostando polo talento interpretativo de mozos de toda Europa, que participan no certame.

O sete citas do programa principal terán lugar en Santiago de Compostela, en diferentes localizacións -Catedral de Santiago, Auditorio de Galicia, Igrexa de San Francisco, sumando a elas unha gala especial dos Laureados 2021 no Auditorio.

A estas sete citas hai que sumar o oito concertos do programa "Ou Teu Xacobeo", que terán lugar en varias localidades galegas: Santiago de Compostela, Abadín, Cambados, A Guarda, Lourenzá, Padrón e Valga.

Gala Laureados
E, como vén sendo habitual, esta nova edición contará co seu prato forte o próximo 17 de setembro no Auditorio de Galicia coa Gala Laureados, na que os sete finalistas do concurso deste ano demostrarán as súas capacidades artísticas xunto á Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave.

Sira Pellicer - (España) saxofón, Xurxo Morais - (España) saxofón, Alberto Sanz - (España) violín, Emma Naegele -(Países Baixos) cello, Maddi Arriola - (España) violín, Alexandre Arurtyunyan - (Portugal) violín e Bastian Uhlig - (Alemaña) clave, competirán por alzarse este ano co recoñecido galardón, nunha gala na que poderemos escoitar obras de Mendelshon, Saint Saens, Tchaikovsky, Vila Lobos , Ibert , Corrette e Sarasate, e na que o público e os mestres da RFG terán a última palabra.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: