ALCALDÍA

Recepción a un grupo de nenos e nenas que participan no Verán CampUSC

06/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu hoxe a unha vintena de nenos e nenas que participan no Verán CampUSC. Un programa organizado pola Universidade de Santiago, no que colabora o Concello a través do departamento de Igualdade, e que ten como obxectivo favorecer a conciliación entre a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral durante o período das vacacións escolares.

Na recepción tamén estaban presentes a concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, quen lles explicou o funcionamento do concello de Santiago; José Antonio Constenla, en representación do Grupo Popular; e as voceiras de Compostela Aberta, Marta Lois; e do BNG local, Goretti Sanmartín. Acompañaron aos menores a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo; e Óscar Hermida, xerente da Fundación USC.

Organizado por esta fundación, o Verán CampUSC comezou o 23 de xuño e remata o próximo mércores, 8 de setembro. Neste período, agás agosto, no que non houbo actividade; desenvolvéronse un total de cinco quendas, de 120 prazas cada unha.

Verán CampUSC serve de espazo de iniciación a unha gran cantidade de actividades de ocio e tempo libre, xogos e deportes, atendendo ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das nenas e nenos participantes. Este programa conta, ademais cunha doble función: permite a conciliación familiar e desenvolve unha función lúdico-educativa moi importante para os menores nacidos entre 2004 e 2017, aos que vai dirixida a iniciativa.

Compartir: