CENTROS SOCIOCULTURAIS

Conxo celebra a súa XXXIV Semana Cultural do 6 ao 11 de setembro

05/09/2021 Mañá, luns 6 de setembro, arranca a XXXIV Semana Cultural de Conxo cun extenso programa de actividades que se desenvolverá en varias ubicacións do barrio, como o centro sociocultural, a Carballeira do Banquete, a igrexa ou a nova praza a carón do mosteiro.

Como é habitual, o programa realízase en colaboración coas distintas asociacións e colectivos do barrio, que participan activamente tamén no seu desenvolvemento.

A Semana arranca o luns ás 20.00 h coa inauguración da exposición fotográfica de Pepe Franqueira, que recolle, a través dunha escolma de retratos, paisaxes e imaxes fotográficas en branco e negro, a visión dun fotógrafo amador hai medio século. Algunhas das fotos será a primeira vez que se expoñan en público.

Do resto da programación, salienta o encontro que manterán o mércores 8 Luis Pasín e Pancho Candela arredor do libro ‘Pasín: memoria dunha resistencia’ da editorial Alvarellos, conducido polo autor, José Luis Estévez. Será ás 8 da tarde.

A esa mesma hora, pero o xoves 9, terá lugar na Capela do Cristo unha charla coa Asociación Apatrigal e os profesores Juan Manuel Monterroso e Ramón Yzquierdo Perrín sobre a virxe gótica encontrada no río Sar en Conxo. O evento será presentado pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Conxo.

A programación completa pode consultarse no documento que se adxunta. Desde a Concellaría de Centros Socioculturais animan a toda a cidadanía a achegarse ata Conxo e desfrutar dun evento consolidade, que chega neste 2021 á súa 34ª edición.

Documentos relacionados



Compartir: