CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede de centros socioculturais oferta máis de 2500 prazas nas actividades para o curso 2021-2022

02/09/2021 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, deu conta hoxe en rolda de prensa da programación dos centros socioculturais para a temporada 2021-2022, así como das actividades específicas doutros espazos dos centros como a Biblioteca José Saramago e as Aulas de Xogo, sen esquecer a Semana Cultural de Conxo. Un repaso polas preto de 2500 prazas ofertadas do programa de actividades, cuxo prazo de preinscrición estará aberto do 7 ao 17 de setembro.

Segundo indicou o edil, "estamos a falar de case 2500 prazas ofertadas e máis de 300 grupos. Polo tanto, unha ampla oferta de actividades en toda a rede de centros, algunhas delas con prezos públicos reducidos e outras, de balde". Javier Fernández salientou a amplitude dun programa que "non sería posible levar a cabo" sen os traballadores e traballadoras do departamento, a quen agradecen o seu esforzo na planificación e o desenvolvemento.

O prazo de preinscrición nas actividades regulares previstas será do 7 ao 17 de setembro, tanto online como presencial nos distintos centros socioculturais.

No que respecta á programación de actividades regulares dos centros urbanos (CSC das Fontiñas, A Trisca, O Ensanche, O Castiñeiriño, Santa Marta, Conxo, Vite e centros dos barrios zona urbana 1 e urbana 2), haberá obradoiros vencellados ao uso das novas tecnoloxias, arte, clubes de teatro, clubes de xadrez, espazos de encontro, saídas pola contorna dos barrios, exposicións, charlas divulgativas, etc.

Contarase tamén con 10 espectáculos culturais (teatro, música, maxia, contacontos) procedentes da programación de Rede Cultural da Deputación da Coruña; 10 actuacións para a dinamización da lectura nas bilbiotecas dos centros socioculturais dentro do programa Leer conta moito, da Xunta de Galicia; participarase na edición 2021 do Festival internacional de títeres Galicreques con 13 representacións; e na mostra de teatro da Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (FEGATEA) con 12 representacións en diversos centros da rede sociocultural desde setembro ata decembro.
"Continuaremos comprometidos coa sensibilización en torno ao cambio climático e á necesidade de boas prácticas, a través do proxecto Descarbonízate que non é pouco (por cuarto ano, consecutivo) nos csc de Santa Marta, Vite, A Rocha, Sar, Pontepedriña e Cardenal Quiroga", destacou Fernández.

Novidades desta programación
O concelleiro destacou como puntos fortes da programación, como xa ocurrira no programa Vive o verán, "a realización de actividades de encontro e saídas pola contorna para coñecer os barrios e convocatorias cos vecinos no exterior de modo seguro".

A Cidade vivida, a cidade sentida será un deses eixos de traballo que nos barrios do Ensanche, Conxo, Santa Marta e Castiñeiriño buscarán crear espazos de relación e convivencia arredor do coñecemento e da memoria emocional que ten a veciñanza sobre o seu barrio, a reflexión comunitaria sobre o uso dos espazos urbanos como elemento de activación da participación nestes momentos de transición da pandemia.

Este programa mestura varias accións:
Roteiros históricos, de arquitectura, de comercio tradicional.
Audioguias para realizar os roteiros de modo individual.
Paseos colaborativos, onde son os participantes os que falan do barrio.
Roteiros co seu QR, para realizar desde un móbil con conexión a internet.
Mapeos: elaboración de mapas colaborativos sobre as temáticas dos barrios, etc.

Biblioteca José Saramago e Aulas de xogo (actividades de setembro a decembro)
No que se refire á Biblioteca José Saramago, conformada polas 4 aulas de lectura dos centros socioculturais de Vite, Fontiñas, Conxo e Santa Marta, ademais de ser un espazo de lectura e de estudo, no que se pode acceder a preto de 50.000 volumes do seu fondo bibliográfico, conta cunha programación específica de actividades estables, puntuais e de continuidade

Actividades estables
A programación das actividades estables que se presentan neste trimestre están claramente diferenciadas por aulas de lectura con días e horarios específicos en cada caso e nelas deben apuntarse as persoas interesadas.

Actividades puntuais
Tanto as actividades puntuais vencelladas ao programa LER CONTA MOITO da Xunta de Galicia, no que a través fundamentalmente dos contacontos, se pretende fomentar o hábito lector, como as do programa da REDE CULTURAL da Deputación están abertas ata completar a capacidade de aforo.

Actividades de continuidade
Os clubes de lectura continúan sendo unha das actividades de continuidade máis estables e a creación de novos clubes é un obxectivo a ter presente neste trimestre, o mesmo que as visitas a bibliotecas relevantes, días especiais adicados a persoeiros da nosa literatura, charlas… todo esto dirixido tanto a persoas maiores como a un público infantil/xuvenil ou mesmo familiar.

Aulas de Xogo

As aulas de xogo, que se atopan atopan nos centros socioculturais da Trisca, Vite, Fontiñas, Conxo e Castiñeiriño, inician o seu programa de actividades o sábado 11 de setembro cun encontro de mañá e tarde para nenos e nenas na Alameda, un espazo ao aire libre no que compartir xogos de socialización e participar na sesión de contacontos "Contos do Mundo", de Solidaridade Internacional
Temos haberá unha programación da actividades mensuais vencelladas a temáticas como a do Samaín para darlle identidade aos xogos e ambientación ás aulas, ou a do Nadal, co agasallo viaxeiro e a visita do Apalpador e o Paxe Real.
As actividades trimestrais específicas de cada aula preséntanse cos días e horarios en cada centro e nelas deben apuntarse os/as usuarios interesados/as.

Este trimestre, a creatividade, a inmersión na nosa cultura, a utilización de xogos con material de refugallo, os xogos de estratexia ou de descubertas terán cabida no día a día das aulas nun intento de que a actividad lúdica axude a crear ese mundo de fantasía e de desfrute que os máis cativos precisan para ser felices.

Máis programación
Ademais da programación regular, o concelleiro destacou "a xa clásica Semana Cultural de Conxo, que se celebrará do 6 ao 11 de setembro cun amplo programa que podedes consultar na web do Concello"; tamén as últimas actividades do programa Vive o verán (paseos climáticos, os días 16, 23 e 30 de setembro, desde os csc de A Rocha, A Trisca e Sar); e a feira de actividades "O CSC de Vite preto de ti", os días 9 e 10 de setembro.

A estas actividades nos centros cómpre sumar as iniciativas de entidades veciñais, culturais e sociais que participan do uso e dinamización dos centros socioculturais e que os folletos divulgan tamén na medida na que están nestes momentos xa planificadas para dar comezo dun modo regular no mes de outubro.

Covid
A programación continúa a ter como marco de referencia a situación de excepcionalidade que aínda confire a pandemia. As liñas de traballo continúan tendo en conta a normativa sanitaria para cuestións como a ratio de participantes nas actividades de interior e exterior e o departamento, coa experiencia desenvolvida a partir de marzo de 2019, está preparado tanto para dar continuidade á programación en caso de maior distanciamento como para incorporar elementos que nas circunstancias actuais estimulen a participación.

Continuarase, polo tanto, co protocolo de prevención e de seguridade: preinscricións online, rexistro de accesos aos centros, reducción no número de prazas nas actividades e liña de constante reorientación de acordo coa situación e as medidas das autoridades sanitarias en cada momento.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: