ALCALDÍA

O Concello súmase á petición da Confederación de Empresarios da Coruña para que o Camiño Inglés sexa declarado Patrimonio da Unesco

01/09/2021 O Concello de Santiago, a través do seu alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, deu o seu apoio á petición da Confederación de Empresarios da Coruña para que o Camiño Inglés sexa declarado Patrimonio Mundial da Unesco, proposta impulsada por acordo dos órganos directivos da CEC. Foi no transcurso dun encontro que o presidente da Confederación, Antonio Fontenla, mantivo este mércores, 1 de setembro, co rexedor compostelán.

Con este novo apoio, a CEC logrou xa o respaldo dos municipios nos que comeza e termina esta ruta de peregrinación, que conta cunha vía alternativa que se inicia na Coruña e outra en Ferrol. Ademais destes concellos, a Confederación sumou anteriormente tamén o apoio da Deputación da Coruña, a Mesa de Traballo dos Camiños Inglés e Fisterra-Muxía e a Academia Xacobea.

"Cada día son máis as persoas que elixen o Camiño Inglés como ruta de peregrinación para chegar a Santiago de Compostela, establecéndose como un dos itinerarios xacobeos puxantes, tal e como se demostrou este ano Santo, polo que é agora cando consideramos o momento idóneo para levar a cabo a petición deste recoñecemento co que xa contan outras das rutas do Camiño de Santiago", declarou Antonio Fontenla, presidente da Confederación dos Empresarios da Coruña.

Pola súa banda, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, amosou o apoio da institución que representa e agradeceu a iniciativa da CEC "porque, sen dúbida, o Camiño Inglés merece o recoñecemento polos innumerables valores que atesora ao longo seu percorrido".

O Camiño Inglés conta cun rico patrimonio cultural, histórico e paisaxístico e a obtención do recoñecemento de Patrimonio Mundial por parte da Unesco suporía "unha valorización clave para o desenvolvemento económico e turístico da provincia e non hai mellor ocasión para facer esta proposta que a celebración deste ano Santo 2021-2022", engadiu o presidente dos empresarios, Antonio Fontenla.

O Camiño Inglés
Ferrol e A Coruña son os puntos de partida das dúas alternativas do Camiño Inglés. Esta ruta marítima seguírona os islandeses e escandinavos que peregrinaron a Santiago. O itinerario desde A Coruña é máis curto (73 km) que o que parte de Ferrol (112,5 km); ambos, cheos de atractivos e historia, conflúen a metade de camiño, na localidade de Bruma, onde continúan xuntos os últimos 48 km ata Compostela.

Compartir: