ACCIÓN CULTURAL

A SELIC sae á rúa para debater sobre as múltiples forma de lectura na post-pandemia

01/09/2021 A Semana do Libro de Compostela celebrará a súa quinta edición do 10 ao 19 de setembro. Coas restricións precisas pola pandemia, a SELIC regresa coa intención de atender os cambios permanentes na sociedade e na cultura, e coa vontade de abrir unha liña de pensamento sobre o mesmo acto de ler. Haberá un espazo con casetas de librarías e editoriais na rúa, no que decorrerán a maioría das actividades deste ano. O evento foi presentado esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director da SELIC, Camilo Franco.

Na presentación do festival, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, salientou que este ano a SELIC centrará as súas accións na rúa do Vilar. ″A SELIC quere estar no medio da rúa e da xente porque a cultura queremos entendela como algo habitual para os e as santiaguesas e para identificar a Santiago como unha cidade para ler, unha cidade de libros, de debate, de conversa, unha cidade de argumentos e de ficción″, manifestou a edila.

Narrativa, poesía, ensaio, tradución, cinema, teatro, ilustración, contacontos, música e xornalismo. Todas levan á lectura. Ao feito último (ou primeiro) de ler. Por que lemos? Que nos aporta? O director da SELIC, Camilo Franco, explicou que "o programa da SELIC atende a multitude de intereses que ten a sociedade desde o punto de vista da lectura e tamén quere abrir unha reflexión sobre a propia lectura". "Ler é algo que non se practica agora como hai dez anos: hai máis soportes, hai máis maneiras de ler e como se le condiciona o que se le", engadiu.

"A SELIC terá 50 títulos como principais protagonistas que, como mínimo, serán 50 oportunidades para desfrutar da cidade e da cultura", destacou Mercedes Rosón. Cunha programación que amplía os focos de atención, o festival contará coa presenza de Domingo Villar, que estará en Compostela para compartir o seu primeiro libro de relatos. A cidade será a protagonista nos paseos organizados pola Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG), nos que participarán autoras como Berta Dávila e Marcos Calveiro, que levarán ás asistentes polos lugares representados nas súas respectivas obras. Dous percorridos estarán centrados na relación da capital galega coa escritora Emilia Pardo Bazán e nas conexións de Compostela coas múltiples formas do cinema ao longo dos anos, neste caso os paseos estarán coordinados por Maos Innova-ción Social.

Luís Pardo entrevistará a Esteban Hernández sobre os seus libros centrados nas claves da situación político-económica do país. Federico García Lorca, agora tamén presente na Alameda de Compostela, centrará un faladoiro con Henrique Alvarellos e Aníbal Malvar no centenario do seu nacemento. Tamén se reivindicará a figura de Roberto Vidal Bolaño cun coloquio e a proxección do filme Doentes, de Gustavo Balza. Tampouco faltará a música en directo, con concertos como o de Alfonso Espiño, que tamén debullará o seu libro sobre a escena musical compostelá entre os anos cincuenta e o 1978. O programa completo irase debullando ata o día 10, cando dea comezo o festival.

Este ano, a SELIC busca achegarse á cidadanía de Compostela empregando formatos cunha maior posibilidade de interacción do público. Non haberá presentacións ao uso, senón conversas entre autoras e autores, entrevistas e recitais para conseguir novas formas de relacionarse coas lectoras e lectores, que son a peza esencial do festival.

A concelleira de Acción Cultural asegurou que esta quinta edición da SELIC "reclama atención sobre algunhas historias propias de Santiago como espazo para a fantasía, a Compostela da música rebelde e a do cine e teatro", que terán unha presenza significativa "que vén reafirmar a longa relación entre a cidade e todas as formas de facer cultura, esas formas de facer cultura das que hoxe a cidade pode sentirse orgullosa".

Documentos relacionados



Compartir: