AUDITORIO

A Real Filharmonía de Galicia vístese de gala para interpretar "Un réquiem alemán", de Brahms

28/03/2007 O Auditorio de Galicia recibirá o xoves 29 de marzo a dúas das máis destacadas figuras da canción, a soprano Ruth Ziesak e o barítono Dietrich Henschel, que, xunto ao Orfeón Pamplonés, acompañarán á Real Filharmonía de Galicia na interpretación dun Réquiem Alemán de Brahms. A orquestra pecha así o mes cun dos mellores concertos desta tempada, para goce dos afeccionados composteláns. Todo iso baixo a batuta do mestre Ros Marbá, director titular da Real Filharmonía.

Nesta ocasión, a orquestra conta coa participación do Orfeón Pamplonés, unha das institucións corais máis antigas de Europa na súa categoría, con máis de 140 anos ás súas costas. O seu director dende 2005 é Igor Ijurra Fernández. Como dato curioso, cómpre destacar que o Orfeón Pamplonés foi pioneiro en España na incorporación das mulleres, xa que en 1903 creou un coro feminino, e xa en 1906, co gallo da voda do Rei Afonso XIII con dona Victoria Eugenia de Battemberg, actuou como formación mixta.

Unha obra grandiosa

Johannes Brahms (Hamburgo, 1833) é un dos compositores máis importantes do século XIX grazas ás súas obras, que combinan o mellor dos estilos clásico e romántico e abarcan un amplo abano de composicións.

En 1868, un Venres Santo, e na catedral de Bremen, Brahms estreou o seu réquiem, co que adquiriu fama en toda Europa. É unha obra máis concertística que relixiosa, xa que non ten ningunha relación coa tradicional misa de defuntos nin unha intencionalidade sacra. Para compoñer este réquiem Brahms inspirouse na dor polo pasamento da súa propia nai.

Para as súas sete partes selecciona textos da tradución alemá que fixo Lutero da Biblia, co fin de reconfortar a aqueles que perderon algún ser amado, máis que para conmemorar aos mortos. Brahms declarou que podería telo chamado simplemente Un réquiem "pola humanidade" e mesmo algúns críticos referíronse a el coma o "réquiem ateo" polas súas escasas mencións a Deus.

Unhas voces únicas

Ruth Ziesak, internacionalmente coñecida polo seu papel de Pamina na "Frauta Máxica" de Mozart, e Dietrich Henschel, invitado habitualmente aos mellores escenarios e festivais europeos, encargaranse da parte solista vocal.

A soprano alemá desenvolveu unha carreira a escala mundial que a levou por todo o mundo e que abarca a ópera, os concertos e os recitais lieder. Ziesak interpretou os principais papeis na Scala de Milán, na State Opera de Viena, no Metropolitan de Nova York, no Covent Garden de Londres ou na Bastille de París.

Pola súa banda, Dietrich Henschel é un músico moi completo que aúna as facetas de pianista, director e cantante. Os seus comezos profesionais estiveron relacionados coa ópera e a súa consagración como cantante chégalle en 1997 con "Der Prinz von Homburg", de Henze, na Deutsche Oper berlinesa e coa produción da Opéra National de Lyon do Doktor Faustus de Busoni, baixo a dirección de Kent Nagano.

Compartir: