DÍA DA ÁRBORE

Os máis pequenos plantaron árbores en San Lázaro

28/03/2007 Uns 500 alumnos de primaria do centros de educación de Fontiñas e Monte dos Postes celebraron no Parque de San Lázaro o acto conmemorativo organizado polo Concello con motivo da celebración dos días da Árbore e da Auga. Os rapaces plantaron árbores e asistiron a unha representación práctica do bo uso da auga.

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado de varios membros da corporación, compartiu cos rapaces este acto, no que se plantaron máis de 150 unidades de ameneiros, acivros, sobreiras ou bidueiros, entre outras especies. E mentres un grupo de alumnos plantaba árbores, o outro asistía a unha sesión de contacontos. Neste capítulo, protagonismo especial para o conto "Dona Pinga e don Carballo fan amizade", editado especialmente para esa ocasión. A publicación ensina aos máis novos a valorar o ciclo da auga e a importancia das árbores.

Todos eles puideron presenciar tamén un exemplo práctico do bo uso da auga, grazas a unha cascada preparada polo departamento de Parques e Xardíns aproveitando o desnivel do terreo. Un sistema permitía reutilizar a mesma auga de forma constante, ofrecendo aos rapaces unha mostra de emprego racional deste valioso elemento.

Rematado o traballo de plantación, houbo tempo para un refrixeiro e para o reparto de agasallos entre os participantes. Ademais do conto, os rapaces recibiron unha camiseta conmemorativa deste día co lema "Os mellores amigos", en referencia aos árbores e á auga.

Ademais deste acto principal, os colexios da cidade tamén acolleron diversas plantacións de árbores. Con esta fin, o Concello atendeu a petición de árbores dos centros escolares e repartiu nos mesmos carteis e diversa información medioambiental.

Compartir: