CULTURA

Teatro do Noroeste presenta a obra de Shakespeare "Romeo e Xulieta"

28/03/2007 A compañía galega Teatro do Noroeste estrea o xoves 29 no Teatro Principal, ás 21:00 horas, unha adaptación moderna da obra de William Shakespeare "Romeo e Xulieta". A obra, interpretada por un elenco de actores mozos, poderá verse no Principal tamén o venres 30 e o sábado 31. O prezo das entradas, que se poderán recoller alí mesmo ou ben a través das oficinas de Caixa Galicia, é de 7 euros para butacas, platea e primeira planta; 5 euros para a segunda planta; e 3 euros para o anfiteatro. O día da estrea a entrada é de balde, previa recollida das invitacións no despacho de billetes do teatro.

Na presentación da estrea, o concelleiro de Cultura Néstor Rego sinalou que esta obra vén a sumarse a un programa de teatro galego que ao longo deste semestre achegará a un total de 12 compañías do noso país. Isto demostra, segundo indicou, "a puxanza" do teatro galego e tamén do de fóra "na nosa cidade". Ademais, Rego salientou o compromiso que ten o departamento que dirixe para "impulsar e apoiar" á produción propia.

Pola súa banda, o director da obra, Eduardo Alonso, salientou a satisfacción de traballar "cun grupo de actores mozos" pero absolutamente "ben formados e con gran capacidade interpretativa". Respecto á peza teatral, o dramaturgo sinalou que se trata dun proxecto "no que levo pensando moito tempo".

O feito de actualizar a obra e traela ao século XXI pretende que o público "comprenda mellor a obra". A este respecto, indicou que se trata dun "envío dunha mensaxe á sociedade de cómo se están desenvolvendo algunhas relacións na mesma".

A actriz Luma Gómez quixo agradecer á Concellaría de Cultura o apoio que recibe o teatro galego e tamén a súa satisfacción por traballar cun elenco de actores tan novos. Na súa opinión, o feito de contar a historia como se tratara dun conflito actual posibilita "un achegamento aos novos públicos".

Por último, Sara Casasnovas e Christian Escuredo, Xulieta e Romeo na obra, quixeron agradecer a Eduardo Alonso a confianza mostrada en todo elenco, a pesar da corta idade, e reclamaron ás distintas compañías galegas un maior apoio a toda unha serie de intérpretes mozos que se tentan facer un oco no mundo do teatro de Galicia.

Compartir: