FESTAS

Un gran espectáculo pirotécnico, con figuras en tres dimensións, pechou con broche de ouro as Festas do Apóstolo 2021

31/07/2021 Un espectáculo de maxia, luz e cor pechou hoxe, con broche de ouro, as Festas do Apóstolo desde Ano Santo 2021. A cidadanía de Compostela puido gozar cuns fogos lanzados desde o Monte Gaiás-Cidade da Cultura, no que destacaron as figuras en tres dimensións, e que se puideron ver desde distintos puntos da cidade.

Os fogos en altura combináronse con elementos de deseño pirotécnico, que consistiron, sobre todo, en destellos, e figuras en tres dimensions con efecto de xiro. Dous espectáculos paralelos, un sobre 160 metros de altura, e o outro a algo máis de 50 metros de altura sobre a base; cunha duración de 15 minutos divididos en fases de 32 segundos. O resultado: 30 conxuntos pirotécnicos definidos, nos que se empregaron, entre outras figuas, palmeras, crisantemos, canguros e nos que destacaron as cores pastel. O total NEC (Neto Explosivo Contido), é dicir, a cantidade de explosivo utilizado no espectáculo, superou os 1.300 quilos.

A empresa encargada da montaxe, lanzamento e seguridade, tanto dos fogos do pasado día 24 como os de hoxe, foi Pirotecnia Ricardo Caballer, adxudicataria do contrato por un importe total, IVE engadido, de 269.355,68 euros. É unha empresa valenciana que destaca no sector da pirotecnia. Fundada en 1881, ao longo da súa traxectoria leva acadados numerosos premios. Entre eles o premio Júpiter de Ouro da 32 edición do festival "L'international des Feux Loto-Québec", que se celebra en Montreal (Canadá), o galardón máis importante do sector da pirotecnia a nivel mundial.

Compartir: