PLAN ESTRATÉXICO

O Plan Estratéxico entrará en xuño na súa fase final

27/03/2007 O Comité Executivo do Plan Estratéxico decidiu aprazar ata o mes de xuño a súa última fase, que conducirá á aprobación definitiva do documento e á súa posta en marcha. Unha vez celebradas as eleccións municipais, recuperarase o debate sobre a que será a guía que marque as liñas do desenvolvemento social, económico e cultural da cidade.

Na xuntanza, que tivo lugar no Auditorio de Galicia, deuse conta das últimas achegas presentadas ao documento, que serán agora analizadas e posteriormente debatida a súa incorporación. Para xuño quedará perfilar o texto definitivo e as primeiras actuacións contempladas no mesmo.

Darase entón cumprimento ás liñas estratéxicas formuladas, como a diversificación da base económica; a mellora da accesibilidade e da mobilidade, a proxección exterior, turística e cultural da cidade; a consolidación da formación, do I+D+i e da cultura; o aumento da calidade de vida dos cidadáns ou o reforzamento das institucións interadministrativas da cidade.

Na elaboración do Plan Estratéxico están a intervir o Concello, a Universidade de Santiago, a Cámara de Comercio, as tres centrais sindicais (CCOO, CIG e UXT), a Confederación de Empresarios de Galicia, o Arcebispado de Santiago e Caixa Galicia, como entidade patrocinadora.

Compartir: