ALCALDÍA

O alcalde destaca a "gran acollida" dos veciños composteláns na súa visita a Arxentina e Uruguai

27/03/2007 Rematada a súa visita institucional a Arxentina e Uruguai, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo fixo balance da mesma e destacou a "gran acollida" recibida por parte dos santiagueses destes dous países. Neles visitou cidades como Bos Aires, Vicente López, Avellaneda ou Mar del Plata (Arxentina), e Montevideo e Canelones (Uruguai), onde residen a maior parte dos composteláns e os seus descendentes.

Sánchez Bugallo defendeu o dereito dos cidadáns destes países a "ser atendidos e a estar representados". Na súa opinión, "temos a obriga de estar pendentes deles", en referencia aos 7.000 santiagueses que hai espallados por distintos países, principalmente por Arxentina, Uruguai, Venezuela e Suíza. Neste sentido, lembrou o seu compromiso de visitar os dous primeiros a partir de cada último venres de abril, salvo que, como sucedeu este ano, se cambien as datas. Tamén manifestou o seu desexo de visitar á colectividade de composteláns de Venezuela ou Suíza.

Da súa visita, o alcalde destacou ter constatado que ten mellorado a situación económica e a atención recibida polos emigrantes composteláns, especialmente no ámbito sanitario, grazas ás achegas do Goberno español. Neste cometido, lembrou algúns dos convenios asinados polo Concello de Santiago con algunhas das institucións que dan cabida a estes veciños,

En Arxentina, a novidade este ano estivo na primeira visita a Mar del Plata, que acolle unha importante colectividade de galegos. O alcalde respondeu así á invitación feita por outro compostelán, o editor Florencio Aldrey. Entre as cuestións tratadas en Uruguai, destacou a intención de crear unha oficina permanente en Montevideo que permita atender aos galegos da rexión.

Nomes de rúas

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Sánchez Bugallo referiuse á polémica suscitada sobre a designación de nomes para novas rúas. Apuntou que esta decisión sempre foi "resultado do consenso" e comprometeuse a traballar para chegar a un acordo. "Hai dúas posibles solucións: pola vía do acordo ou unha solución práctica", dixo en referencia á posibilidade de asignar denominacións toponímicas e non de persoas no caso da falta de acordo. En calquera caso, apuntou, "non tódalas rúas teñen a mesma urxencia".

Compartir: