CENTROS SOCIOCULTURAIS

Compostela rendeu homenaxe un ano máis a Aurelio Aguirre

27/03/2007 Unha ofrenda floral na tumba de Aurelio Aguirre no cemiterio de Boisaca abriu os actos de homenaxe cos que a cidade quixo lembrar o acto conmemorativo do centenario do Banquete de Conxo. O recordo ao poeta, convertido xa en tradicional cada ano, centrouse nesta ocasión en rememorar un evento no que á súa vez se lembrara por primeira vez aquel Banquete.

A concelleira de Centros Socioculturais, Guadalupe Rodríguez, presidiu a ofrenda floral, na que se interpretou o himno do antigo reino de Galicia. Ademais, alumnos e alumnas do Colexio Quiroga Palacios e do IES Eduardo Pondal leron os seus poemas.

Xa pola tarde, no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre, en Conxo, celebrouse un acto de homenaxe, no que interviron Baldomero Cores Trasmonte e Francisco Otero Guldrís, dous dos artífices daquel acto celebrado en 1958.

O Banquete de Conxo

En 2006 celebráronse os 150 anos do Banquete de Conxo, aquel brinde á liberdade promovido por Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal. O 2 de marzo de 1856 celebrábase aquel banquete para facer unha xuntanza fraternal entre os movementos obreiro e estudantil do daquela emerxente rexurdimento. Contou con ilustres comensais como Rodríguez Seoane, Camino, Manuel Murguía e Rosalía de Castro, todos daquela mozos que formaban parte do Liceo da Mocidade Compostelá.

Naquela ocasión, os estudantes composteláns foron os encargados de servirlles o xantar aos traballadores, nun xesto de confraternidade. Foi unha homenaxe do mundo da cultura ao mundo do traballo. Un dos actos simbólicos máis salientable foron os brindes poéticos pronunciados no mesmo por Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre, cando aínda eran estudantes de Medicina e Dereito. O acto foi censurado polas autoridades, a Igrexa excomungou aos seus organizadores e a carballeira foi tomada polo exército durante o xantar por medo a que nacese unha insurrección coma a de había dez anos.

Compartir: