EDUCACIÓN

En marcha a VII Campaña de animación á lectura

27/03/2007 "Ler: unha aventura diferente" é o lema da sétima edición da Campaña de animación á lectura, promovida pola Concellería de Educación e Mocidade e pola editorial Kalandraka, en colaboración coa Galería Sargadelos. Neste último espazo celebrouse a apertura da iniciativa, que se prolongará ata o 5 de maio.

Ao acto inaugural asistiron o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos. Houbo unha sesión de contacontos e unha visita guiada polas exposicións. Acudiron o deseñador Marc Taeger e o debuxante Kiko Dasilva, que imparten os obradoiros de ilustración e de banda deseñada, respectivamente.

A campaña inclúe diferentes propostas dirixidas ao profesorado e, sobre todo, ás nenas e nenos con idades comprendidas entre os 5 e os 7 anos. A oferta lúdica e formativa comprende talleres de ilustración, encontros con pais e nais para animar a ler, sesións didácticas na exposición ou encontros con escritores e ilustradores. Uns 4.500 rapaces están chamados a participar nesta iniciativa.

Como ven sendo habitual, realizouse unha sesión formativa e de presentación de campaña para o profesorado, que tivo lugar o luns 26 de marzo na Galería Sargadelos. Na mesma facilitóuselles o material didáctico da campaña para este curso escolar, calendario e outros materiais didácticos.

Compartir: