PROMOCIÓN ECONÓMICA

Máis de 600 alumnos asistirán á actividade "Aprende mercando"

26/03/2007 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, inauguraron na Fundación Torrente Ballester e no Centro Sociocultural do Ensanche a actividade "Aprende Mercando", incluída no programa de dinamización comercial "Marzo, mes do comercio". Trátase dun proxecto educativo ao que asistirán 610 alumnos de diferentes colexios de Santiago, que ten como obxectivo iniciar aos máis pequenos no consumo responsable e en roles educativos vinculados ao acto de compra. A actividade desenvolverá entre o 26 e o 31 de marzo.

Ata o venres 30 de marzo as visitas resérvanse para centros escolares. En total pasarán por "Aprende Mercando" 610 nenas e nenos de cuarto, quinto e sexto de primaria, pertencentes aos colexios de San Xosé De Cluny, A Milagrosa, Raiña Fabiola, Lamas de Abade, Quiroga Palacios, San Jorge, Nosa Señora dos Remedios, Compañía de María, Apóstolo Santiago e Ramón Cabanillas. O venres 30 de marzo, de 17:00 a 20:00 horas, e o sábado 31 de marzo, de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas, poderán acceder todas as persoas que desexen participar. Con "Aprende mercando" colaboran Supermercados Froiz e Mercadona.

A actividade recrea nun escenario virtual unha rúa dunha cidade na que se sitúan distintos establecementos comerciais. A actividade concíbese coma un xogo de rol no que nenas e nenos participan de maneira activa, co obxectivo de que aprendan en qué consiste a actividade comercial e, ao mesmo tempo, fomenten uns hábitos de consumo responsable.

Ciclo de conferencias

O luns 26 tamén comeza un ciclo de tres conferencias baixo a denominación de "Pasado, presente e futuro do comercio en Compostela". Os relatorios perseguen un dobre obxectivo: amosar a realidade pasada, presente e futura do sector comercial, destacando a importancia que ten para a Santiago e o seu contorno; e crear un espazo para a análise construtiva da nosa realidade comercial e o potencial da mesma no proceso de construción de cidade.

As conferencias celebraranse na sede da Fundación Caixa Galicia, ubicada na Rúa do Vilar, numero 19. Terán lugar os días 26, 28 e 29 de marzo, ás 20:30 horas. Cada relatorio terá unha duración de 40 minutos, aos que se engadirán outros 20 minutos de debate.

A primeira conferencia, "O pequeno comercio: perspectiva histórica e importancia na configuracion dos espazos económicos actuais", estará adicada ao pasado do comercio compostelán, e será impartida polo catedrático do Departamento de Historia e Institucións Económicas da USC, Xoán Carmona Badía. A segunda, sobre o presente do sector comercial, impartiraa Víctor Sixto Sanjosé, consultor da Empresa Proxectos S.L., baixo o título "Compostela, capital do comercio". A terceira, "O comercio na configuración da cidade futura", fala do futuro do comercio e será impartida por María Luisa del Río Araujo, doctora en Ciencias Económicas e Empresariais e profesora de Comercialización e Investigación de Mercados da USC.

Compartir: