MERCADOS

Os comerciantes da praza visitan os mercados de Barcelona

16/05/2005 Un grupo de vintedous comerciantes da Praza de Abastos de Santiago visita durante os días 16 e 17 de maio os distintos mercados de Barcelona ademais das instalacións do Instituto de Mercados da capital catalana. A delegación compostelán está integrada tamén pola Xunta Directiva da Praza de Abastos e polo concelleiro de Mercados, Xosé Manuel Iglesias.

Durante dous días, os comerciantes da praza, a directiva e o concelleiro de Mercados coñecerán o funcionamento do Instituto Municipal de Mercados de Barcelona e realizarán visitas a dous mercados emblemáticos da cidade como son o histórico e turístico da Boquería e o recén inaugurado despois da súa remodelación de Santa Catarina.

A intención da viaxe é a de coñecer de primeira man o funcionamento destes mercados, con moitos puntos en común co de Santiago, e valorar todas as posibilidades de aplicación de cara ao plan de modernización das instalacións composteláns. A visita enmárcase nun amplo plano de reunións e proxectos encamiñados tanto a coñecer as novidades no sector como a sentar as bases de funcionamento do futuro da praza de abastos de Santiago de Compostela que está en plena fase de renovación.

Compartir: