CULTURA

O Rei do Raï chega a Compostela para presentar o seu último traballo

23/03/2007 O músico alxerino Khaled, coñecido como o rei da música raï, chega o sábado 24 ás 21:00 horas ao Auditorio de Galicia para presentar o seu último traballo, Ya Ravi, dentro da cuarta edición do Ciclo Sons da Diversidade. Os interesados poderán adquirir as entradas a un prezo de 15 euros, cun desconto do 50 por cento para estudantes e persoas xubiladas, nos despachos de billetes ata media hora antes do comezo ou ben a través das oficinas de Caixa Galicia.

Khaled conta no seu haber con traballos tan importantes como os éxitos mundiais de "Didi" e "Aïcha". A súa música é unha invitación para embarcarse nunha viaxe arredor do mundo, onde a música raï se mestura de forma alternativa co reggae, o funk, o flamenco, o calipso e ata cos cantos de Europa do Leste.

Tras cinco discos de éxito, o novo álbum de Khaled, "Ya Rayi", é unha "volta ás raíces". Khaled volve á esencia da música raï, con acordes exipcios. Na canción chaabi "H'mama", que gravou a orquestra da Radio Nacional Alxeriana, Khaled fai unha homenaxe ao pobo alxerino e ao seu folclore. Neste tema reúnense dúas estrelas dos anos 40 e 50, o cantante Blaoui Houari e o pianista Maurice El Medioni.

O artista alxerino convida a descubrir e redescubrir toda a maxia raï e transporta ao público ao típico cabaré alxerino, aqueles establecementos onde el actuaba na súa cidade natal de Orán ao comezo da súa carreira. "Na miña mente eu quería regresar ao raï 100%. Quería volver aos estilos antigos para sentir novamente a esperanza", di Khaled. É un disco festivo de raíces, longamente esperado tanto pola comunidade alxerina como por un amplo público desexoso de facer deste novo traballo o seu maior éxito.

Hai que lembrar que a cuarta edición do Ciclo Sons da Diversidade comezou o mes de febreiro coa presentación do novo disco de Milladoiro "Unha estrela por guía". Nos vindeiros meses ata xuño chegarán a Compostela artistas da talla de Adriana Calcanhotto, Sara Tavares ou Dominique A.

Compartir: