BENESTAR SOCIAL

O Centro Sociocultural do Ensanche acolle dende o luns 26 unha nova unidade de intervención social

23/03/2007 A partir do vindeiro luns 26 de marzo, dúas traballadoras sociais integrarán a nova unidade de intervención social do Centro Sociocultural do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16). Deste xeito a Concellaría de Benestar Social pretende achegar tamén a esta área da cidade toda a información e os servizos que xa ofrece noutros puntos da mesma.

O local do Ensanche, o último incorporado á rede de centros socioculturais do Concello de Santiago, únese así a outros coma os da Trisca, Conxo, Fontiñas ou Vite, onde xa se presta este tipo de atención próxima ao cidadán. Ademais, a Concellaría segue a prestar os seus servizos na súa sede da Praza da Constitución.

Tamén no Ensanche, calquera cidadán recibirá atención personalizada e información sobre os diversos programas e proxectos que desenvolve a Concellaría de Benestar Social. Especial atención reciben aqueles colectivos ou persoas que, por calquera circunstancia, están en situación de desvantaxe social. O horario de atención será os luns e os xoves de 9:00 a 11:30 horas. Con cita previa, os cidadáns serán atendidos eses mesmos días partir das 11:30 horas, e os venres ao longo de toda a mañá, de 9:00 a 15:00 horas.

Coa presenza das traballadoras sociais en distintos puntos da cidade, os servizos municipais pretenden ser o sistema de protección social máis preto da cidadanía e do seu ambiente familiar e social. Para iso desenvólvense programas e préstanse axudas que favorecen a participación, a integración e o benestar social das persoas ou grupos dentro do seu contorno comunitario.

Compartir: