PARQUES E XARDÍNS

A cidade únese un ano máis ás celebracións dos días mundiais da Árbore e da Auga

23/03/2007 O concelleiro de Parques e Xardíns e Servizos Básicos, Bernardino Rama, presentou os actos de celebración do Día da Árbore e do Día da Auga, que nesta edición se celebrarán no Parque de San Lázaro. Non faltará a plantación de árbores, a simulación do bo uso da auga e o reparto dun conto editado con motivo desta conmemoración.

Máis de 600 alumnos dos colexios de Fontiñas e Monte dos Postes serán os encargados de plantar máis de 150 unidades de ameneiros, acivros, sobreiras ou bidueiros, entre outras especies. O acto celebrarase o mércores 28 de marzo a partir das 11:30 horas. Aproveitando o desnivel da auga, os rapaces tamén poderán ver un exemplo práctico de reutilización da auga, grazas a unha cascada de auga e a un sistema que devolverá o líquido elemento de novo á mesma. Os

Os rapaces que participarán na plantación recibirán unha camiseta conmemorativa deste día co lema "Os mellores amigos", en referencia aos árbores e á auga. Estes dous elementos son tamén os protagonistas do conto "Dona Pinga e don Carballo fan amizade", escrito por Xosé A. Perozo e ilustrado por Jaime R. Asensi. A publicación quere ensinar aos máis novos a valorar o ciclo da auga e a importancia das árbores.

Ademais deste acto central en San Lázaro, haberá outras plantacións de árbores en diversos parques da cidade, cos rapaces tamén coma protagonistas. O Departamento de Parques e Xardíns atenderá así mesmo a petición de árbores para plantar dos centros escolares, e repartirá carteis e diversa información sobre esta celebración medioambiental.

Compartir: