EDUCACIÓN

Roteiro da Escola Municipal de Música para homenaxear a Xela Arias

25/05/2021 O Departamento de Educación e a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, no seu afán vertebrador de todas as artes, teñen previsto a celebración dun roteiro no Predio de Vista Alegre esta tarde no marco do Día das Letras Galegas. Nel sucederanse diferentes actuacións musicais que acompañarán o recitado de poemas de Xela Arias, a escritora homenaxeada este ano.

A actividade, na que participarán os Coros PEX dos martes, o Coro Xuvenil e a Orquestra e a Bandiña, estará limitada a un número máximo de 40 espectadores por cada unha das tres sesións previstas e terán lugar ás 19:00h, 19:15h e 19:30h.

O público participante deberá completar un formulario con todos os datos marcados e escoller unha das tres opcións, aínda que a dispoñibilidade estará suxeita a que a quenda solicitada non estea completa. En calquera caso, a Escola informará por correo electrónico do turno que lle corresponde a cada unha das persoas anotadas.

Paradas:

1. INICIO DO ROTEIRO
No acceso ao Predio de Vista Alegre pola rúa dos Pelamios, as persoas asistentes e o alumnado da Escola comezarán o roteiro. Neste punto terá lugar tamén o control de aforo á actividade, que estará limitado a 40 participantes por sesión (están proxectadas 3). As diferentes sesións estarán separadas por un lapso de tempo de 15 minutos.

2. MUSEO DE HISTORIA NATURAL
Neste punto terá lugar a lectura dos dous primeiros poemas de Xela Arias, co acompañamento musical do Coro PEX e o Coro Xuvenil da EMM.

3. ESCALEIRAS EXTERIORES DA CASA EUROPA
Neste enclave terá lugar o recitado de tres breves poemas de Xela Arias acompañados polo son do instrumento dun dos profesores/as da Escola Municipal de Música.

4. HÓRREO
Neste punto terá lugar o recitado de dous poemas de Xela Arias acompañados polo música dun dos profesores/as da Escola Municipal de Música.

5. PIÑEIRO
Este será outro dos puntos de recitado. Será unha soa persoa quén acompañe o poema escollido coa música.

6. EXTERIOR DA SGAE
Na parte cuberta do exterior da SGAE a Orquestra será encargada de musicar dous poemas de Xela Arias, aproveitando a resonancia do espazo, con paredes a cada lado da estrutura.

7. CARBALLEIRA
Un piano electrónico fará o acompañamento dunha obra para piano e voz que terá por letra un dos poemas de Xela Arias.

8. ENTRADA PRINCIPAL DA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA
A última actuación deste roteiro terá lugar no acceso principal á Escola, coa Bandiña como agrupación participante, que poñerá o acompañamento musical á lectura de dous poemas da escritora homenaxeada.

Direcciones relacionadas



Compartir: