DEPORTES

O estadio Vero Boquete acolle o Maratón Autonómico Urbano Special Olympics, no que participan 49 deportistas

22/05/2021 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, deu o pistoletazo de saída ao "23 Maratón Autonómico Urbano Special Olympics Galicia Santiago de Compostela 2021", que se celebra no estadio Vero Boquete. Esta nova edición conta coa participación de 49 deportistas con discapacidade intelectual, que están acompañados por 11 adestradores.

O evento reúne a máis de 60 persoas, entre atletas, adestradores, volutarios e voluntarias e integrantes da organización. En total participan seis asociacións: Apader (Cedeira), ASPANAS, (Ourense), San Vicente (Lugo), Agasfra (Vigo), Prodeme (Monforte de Lemos) e ASPAS (Santiago), que exercen de anfitrións.

Son, en total, catro probas de maratón: 4.000 metros, 1.500 metros, 800 metros e o maratón adaptado, de 300 metros. Todas elas contan con dúas categorías: masculino e feminino.

Na inauguración interviron Encarna Montero, presidenta da Asociación ASPAS; e Eladio Fernández, Presidente de Special Olympics Galicia, que agradeceron o o papel das distintas entidades que organizaron e colaboraron no evento. A continuación tomou a palabra a concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro, quen enviou "un saúdo moi especial a estes 49 deportistas e aos seus acompañantes, que hoxe, con este Maratón Autonómico Urbano Special Olympicos Galicia nos están dando un exemplo de superación", sobre todo, nun momento tan crítico como o vivido durante a pandemia.

Mila Castro engadiu que debemos saír desta crise "reforzados, sobre todo a nivel social. Porque se algo aprendemos nestes últimos quince meses, é que ante a adversidade, todos somos iguais. E como iguais, coas mesmas oportunidades, colaborando e esforzándonos, debemos camiñar para avanzar cara unha sociedade máis inclusiva, xusta e equitativa, cara unha sociedade de oportunidades. É unha senda que vós, desde as vosas asociacións, Aspas e Special Olympics, axudastes a construír; e que agora precisamos ampliar para poder percorrela xuntos e xuntas"
Porque, engadiu a concelleira, "os vosos obxectivos tamén son os nosos. Se queremos unha sociedade máis humana é preciso mellorar a calidade de vida das persoas máis vulnerables. Porque como ben sabedes, as diferenzas non se atopan nas persoas, atópanse na calidade e dispoñibilidade das oportunidades".

Castro finalizou amosándolle, a todas as entidades presentes "o apoio e colaboración do Concello de Santiago" e a continuación declarou inaugurado a 23 maratón autonómico urbano, Special Olympics Galicia. Santiago de Compostela 2021".

Ademais das persoas que interviron, na inauguración tamén estaban presentes, Ana Salgado, coordinadora de Afundación en Santiago de Compostela;o vicepresidente de Special Olympicos Galicia, Marcelo de la Cruz; e José Antonio Constenla, edil do Grupo Municipal Popular.

No maraton, que ten como lema "Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento", conta co patrocinio do concello de Santiago a través da concellaría de Deportes.

Compartir: