MOBILIDADE

Arranca a intermodalidade no centro de Santiago coa posta en funcionamento da nova estación de autobuses

22/05/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; e a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, entre outras autoridades, asistiron esta mañá ao acto de inauguración da nova estación de autobuses, na remodelada rúa de Clara Campoamor. Coa posta en marcha do novo equipamento, arranca o ámbito da intermodal, que se completará coa entrada en funcionamento do tren de alta velocidade, a estación do AVE e reurbanización da rúa do Hórreo.

"Hoxe é un día importante para Santiago e para Galicia", sinalou Sánchez Bugallo, que amosou a súa satisfacción por culminar un proceso froito da "colaboración interadministrativa" e do "público e o privado". Coa entrada en funcionamento da nova estación, "a intermodalidade é un feito" e o novo ámbito converterase "no maior centro de transporte de Galicia".

Lembrou o alcalde que para rematalo quedan dous elementos: a construción da estación do AVE "que estou seguro de que a finais de 2023 ou en 2024 a veremos", e a remodelación da rúa do Hórreo, que acometerá o Concello este ano.

Coas actuacións realizadas no ámbito vertébranse os barrios da Pontepedriña e do Ensanche, unidos pola pasarela transversal, que tamén entra hoxe en funcionamento, a cuxos veciños e veciñas fixo o alcalde unha mencións especial: "o Ensanche queda convertido no centro de Santiago, xunto coa zona histórica" e a Pontepedriña, "que antes quedaba fóra, está agora integrada no cunxunto urbano da cidade".

Tamén recordou o rexedor os traballadores, empresas, operarios que fixeron posible que a estación botase a andar, e aos responsables das distintas adminstracións implicadas ao longo do proceso desde o momento no que se tomou a decisión "de que a estación estivera no centro".

A presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, lembrou, pola súa banda, que as obras da estación ferroviaria están xa en licitación, cun orzamento de 33,5 millóns de euros, e destacou que será "un edificio sostible e moderno", en consonancia co ámbito. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo o colofón ao acto destacando tamén a importancia da colaboración entre as administracións para o desenvolvmento da estación intermodal de Santiago.

A estación
A estación conta con 2.795,76m2 de superficie útil e 8.870,81m2 de superficie construída cunha ocupación de 5.334,94m2. O edificio organízase en dúas plantas superpostas: na inferior sitúanse a área de dársenas e os viarios de circulación e manobra de vehículos; na superior, o edificio acolle os servizos necesarios para atender os viaxeiros.

Ten un total de 25 dársenas, distribuídas en 19 para transporte interurbano e 6 para o transporte metropolitano, para acoller as expedicións de 221 chegadas e 224 saídas, de luns a venres laborables, das distintas empresas operadoras de transporte.

Na planta principal a estación conta con vestíbulo, área de venda de billetes, servizo de información, consignas e, proximamente, servizo de cafetería e cun quiosco.

Transporte urbano
No referente ao transporte urbano, para facilitar a conexión das estacións de autobuses e de tren co resto da cidade, así como para facilitar os movementos aos campus, a partir de hoxe pararán na rúa do Hórreo e/ou na rúa de Santiago León de Caracas as seguintes liñas:

- Parada 591 Santiago León de Caracas:
Liña 6. Aeroporto / Os Tilos.
Liña 12. Os Tilos / Hospitais.
Liña 15. Campus Norte / Campus Sur.
Liña C4. San Caetano / Vite / Hospitais / Fontiñas.
Liña C5. Pol. Costa Vella / Amio / Fontiñas / pza. Galicia / Paxonal
Liña P3. Valle Inclán / Santa Lucía / Susana.

- Parada 691 Hórreo-estación:
Liña 6. Aeroporto / Os Tilos.
Liña 12. Os Tilos / Hospitais.
Liña C4. San Caetano / Vite / Hospitais / Fontiñas.
Liña C6. Pol. Costa Vella / Amio / Fontiñas / Paxonal / Hórreo.
Liña P3. Valle Inclán / Santa Lucía / Susana.

- Parada 694 Hórreo-Santiago León de Caracas:
Liña C2. San Caetano / Fontiñas / Hospitais / Vite.

Servizo de ORA
Co translado da Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago, SA (TUSSA) á nova estación, as oficinas do servizo da ORA quedarán instaladas na planta principal da estación, a partir de hoxe, 22 de maio, co seguinte horario de atención ao público: de luns a venres laborables, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas

Compartir: