REHABILITACIÓN

O Casco Histórico inverte a súa tendencia demográfica con máis poboación e de menor idade

22/03/2007 En febreiro de 2007 habitaban o Casco Histórico compostelán 4.055 persoas, fronte ás 3.900 de 2004, o que supón inverter a tendencia de décadas de diminución da poboación nesta área da cidade. Ademais, constátase que os seus habitantes son cada vez máis novos, o que augura a continuidade desta tendencia.

Estas cifras foron ofrecidas polo xeógrafo Xosé A. Aldrey Vázquez, coordinador das xornadas "Barrios en (re)construción. Novas ideas para a rehabilitación integral dos barrios de Compostela", que se celebra do 22 ao 24 de marzo. Segundo indicou, a maior porcentaxe de habitantes da zona histórica son menores de 10 anos e parellas entre 35 e 50 anos. Ao seu xuízo, comeza a verse que a recuperación arquitectónica tamén vai acompañada "dun rexuvenecemento demográfico e social".

En 1965 vivían no Casco Histórico 8.900 persoas, mentres que trinta anos despois facíano menos da metade, 4.350. Despois de décadas de progresiva diminución, a tendencia comeza a ser outra e reflicte o traballo municipal no ámbito dunha rehabilitación que transcende os meros aspectos arquitectónicos.

Rexeneración

Á marxe desta referencia concreta á zona histórica compostelá, os participantes na primeira xornada abordaron cuestións relacionadas coa rehabilitación integral dos barrios, tomando como referencia o caso de Santiago. Así, a concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, referiuse á declaración como áreas de rehabilitación integral (ARI) de Vista Alegre e Pontepedriña, así como á prevista na zona da Almáciga e San Pedro. Lembrou que na recuperación destes barrios lévanse a cabo "actuacións arquitectónicas e de construción, pero tamén de reordenación dos espazos e de rexeneración socioeconómica e demográfica".

Rosón reivindicou a pilotaxe pública destas iniciativas de recuperación, para o que reclamou "o entendemento entre as administracións para a execución áxil dos proxectos". Recordou que "Santiago está no cumio das actuacións rehabilitadoras nestes anos e é tempo de abrir ese traballo a novas experiencias". Finalmente defendeu o papel dos barrios para que siga sendo "vangarda".

Redefinir o territorio

Pola súa parte, a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, insistiu na orientación social que deben ter estes proxectos baseados en "rehabilitar, reconstruír e recuperar". "A riqueza dos barrios radica no intanxible da vida construída polos seus veciños", dixo.

Referíndose ás actuacións no ámbito autonómico, Encarna Otero recordou a Administración autonómica ten xa declaradas 38 zonas ARI, das cales 27 son en cascos históricos, e ten outras 8 en proceso. Xa no ámbito xeral do urbanismo, afirmou que "Galicia ten o reto de redefinir o seu territorio e os seus usos". Neste sentido, lamentou que "entre o 50 e o 60% das vivendas en Galicia están sen habitar".

Na mesa redonda inaugural tamén interveu o presidente da Delegación Galega do Colexio de Xeógrafos, Ignacio Fernández, quen insistiu en que "o territorio é un ben non renovable, que contén valores que non poden reducirse ao prezo do solo". Na súa opinión, "o planeamento municipal debe ter como principal obxectivo o acceso á vivenda", que se ten convertido nun "produto de primeira necesidade". Por iso, indicou, "os poderes públicos deben controlar uns prezos adecuados ás posibilidades reais da economía familiar".

Experiencias de renovación

Na primeira das sesións das Xornadas tamén se celebraron dúas conferencias. Na primeira, o arquitecto catalán Lluis Claverol explicou a experiencia de Lleida. A continuación, o historiador José M. Cardesín falou de renovación urbana, con especial atención ao proxecto "Ferrol Historia Urbana", que el dirixiu. Para a tarde estaba reservada unha saída de campo polos barrios de Compostela e a proxección do filme "En construción", de José Luis Guerín, na Facultade de Xornalismo. O evento continuará o venres 24 con conferencias, exposicións de experiencias, unha mesa redonda e un obradoiro de traballo no Centro Sociocultural de Vista Alegre.

Compartir: