TURISMO

A Organización Mundial do Turismo elixe a Santiago como exemplo internacional para a recuperación turística

21/05/2021 A xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, participou no Foro internacional dedicado á "Recuperación Turística", que a Organización Mundial do Turismo (OMT) organiza no marco de Fitur. A OMT, organismo das Nacións Unidas encargado da promoción dun turismo responsable, sostible e accesible, escolleu ao Plan de Reactivación Turística elaborado por Turismo de Santiago como exemplo mundial de boas prácticas para a recuperación do turismo.

Turismo de Santiago aprobou o seu "Plan de Reactivación da Actividade Turística" en abril do 2020, durante o periodo de confinamento do primeiro Estado de Alarma xerado polo Covid-19. A entidade municipal elaborou este plan en permanente contacto cos axentes sectoriais coa finalidade de reducir as consecuencias derivadas da crise sanitaria.

O Plan contemplaba tres liñas estratéxicas: análise dinámico da situación; medidas para a captación de turismo e posicionamento da cidade; e liñas de apoio dirixidas ao sector. Estes tres eixos contemplaban 16 accións que tiñan por obxectivo recuperar o antes posible o posicionamento de Santiago como un destino turístico de calidade e acolledor.

A exposición de Turismo de Santiago centrouse nunha das accións máis destacadas do Plan de Reactivación: a campaña de comunicación que se fixo a través de Internet e Redes sociais dende comezos do mes abril e que foi evolucionando, adaptándose en cada momento á situación sanitaria e as restrición a movilidade turística.

O primeiro vídeo desta campaña, chamado "Ultreia", publicouse en redes sociais o tres de abril. No mes de maio publicouse un novo vídeo, "Compostela Contigo". Estes vídeos tiñan como obxectivo mandar mensaxes de ánimo en momentos moi complicados. Nos meses de xullo e agosto, co levantamento dos confinamentos, desenvolveuse a primeira Fase da Campaña "Santiago. A Túa Historia", centrada en Redes Sociais e Internet, que tivo continuidade cunha nova fase nos meses de decembro e xaneiro deste ano para promocionar o Ano Santo.

En conxunto lográronse máis de 20 millóns de impactos nos segmentos obxectivos a través de diferentes formatos de comunicación en Redes sociais e Internet, superando amplamente as previsións iniciais. No 2021 a campaña continúa evolucionando, adaptándose en cada momento á situación sanitaria e as posibiliades de movemento turístico. Un exemplo desta evolución son as 26 videoguías que se presentaron esta semana en Fitur, cun vídeo de presentación rodado polo director de cine Fernando Cortizo, e que pode verse aquí.

A OMT, como principal organización internacional no ámbito turístico, avoga por un turismo que contribúa ao crecemento económico, a un desenvolvemento incluinte e á sostibilidade ambiental. Ademais, ofrece referencia e apoio ao sector para expandir polo mundo os seus coñecementos e políticas turísticas.

Neste marco, a OMT conta en Fitur cun Programa Especial no que se amosan exemplos de boas prácticas en políticas turísticas. Este ano está adicado á "Recuperación Turística" tras a crise global do sector provocada polo Covid-19. A entidade das Nacións Unidas escolleu o Plan de Turismo de Santiago no ámbito das "Estratexias de Marketing para a Recuperación Turística".

Compartir: