ALCALDÍA

Santiago presentará a súa oferta turística en París da man do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España

21/05/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou esta mañá en rolda de prensa que a cidade presentará a súa oferta turística en París, xunto co Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, o vindeiro martes 25 maio, nun acto ao que asistirá a ministra de Turismo, Reyes Maroto.

O Grupo de Cidades Patrimonio vén de presentar a súa campaña de promoción en FITUR, unha feira "diferente do habitual, pero na que era obrigado estar", sinalou o rexedor. Santiago presentou alí a súa campaña "Al otro lado del espejo", que buscar pór en valor todos os atributos non tan visibles da cidade, unha proposta "que tivo moi boa acollida". Para o rexedor, volver a FTITUR é un sinal de que se vai recuperando a normalidade: "estou convencido de que imos ir mellorando pouco a pouco e a partir do verán creo se vai ir recuperando cada vez máis rápido". Sánchez Bugallo fixo fincapé en que "imos ter uns resultados razoables en 2021 e excepcionais en 2022".

A promoción continuará a semana que vén en París, onde se presentará o plan conxunto de Cidades Patrimonio coa presenza da ministra de Turismo. "Estamos actuando a través de tres plataformas moi potentes: o Xacobeo, a campaña específica de Santiago e as Cidades Patrimonio, onde imos da man de Turespaña", indicou o rexedor.

Posta en funcionamento da nova estación de autobuses e da pasarela
Os visitantes que se acheguen a Santiago a partir de mañá, sábado 22 de maio, poderán empregar xa a nova estación de autobuses, coa que se inicia a posta en marcha da intermodal, "o maior centro nodal de transporte de Galicia" e que, segundo sinalou o rexedor, moverá "entre 5 e 7 millóns de pasaxeiros nun ano normal". Tamén entra en funcionamento a pasarela transversal que vertebra a zona. O alcalde e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, mantiveron un encontro esta mañá con Juan Herreros, o arquitecto autor do proxecto.

Completarase o ámbito coa "entrada en funcionamento do tren de alta velocidade ao longo deste ano", coa construción da estación do AVE e coa remodelación do Hórreo. "Imos dando pasos" nesa "peza fundamental", na que se unirá o transporte ferroviario, o metropolitano e os autobuses e que permitirá conectar Pontepedriña co centro urbano.

Visto bo das asociacións de comerciantes á campaña de promoción Eu merco aquí e ao Prima 21
O alcalde tamén se referiu ao encontro que mantivo esta mañá coas asociacións de comerciantes da cidade para presentarlles a campaña de promoción e dinamización comercial "Eu merco aquí", dentro da que se inclúe o Prima21, que se desenvolverá do 3 ao 6 de xuño. "Contamos coa participación activa de todas as asociacións", indicou o rexedor, co obxectivo de revitalizar o comercio a través dunha campaña "intensa" e "estou convencido de que exitosa".

Datos da covid na cidade
Con respecto á evolución da pandemia na cidade, Sánchez Bugallo, volveu facer un chamamento específico aos máis novos porque, aínda que os datos revelan unha "estabilización", segue sendo "extremadamente importante manter as medidas de seguridade, sobre todo na festas nos pisos".

Compartir: