DEPORTES

Santiago conta desde hoxe cun novo club deportivo, o EDS Santa Marta

20/05/2021 Hoxe presentouse o EDS Santa Marta, un club deportivo que nace coa aspiración de formar non só deportistas, senón tamén persoas. O acto contou coa participación do seu presidente Santiago Araújo, e os concelleiros de Deportes, Esther Pedrosa, e de Centos Socioculturais, Javier Fernández. Os obxectivos da entidade deportiva para a vindeira tempada son crear as seccións de fútbol 8 e fútbol sala dentro da FGF, así como seguir organizando xornadas formativas e masterclass no eido deportivo e saudable e campus polideportivos e de tecnificación.

Santiago Araújo explicou que este novo proxecto continúa coa filosofía iniciada hai máis dunha década coa Escola Deportiva Santiago, entidade coa que foron pioneiros na organización de xornadas e campus polideportivos e de tecnificación, baixo o lema de aprendizaxe e diversión. "Porén, a realidade achéganos a outra faciana do deporte amateur, de formación, onde aparecen os desánimos, a escaseza de medios, os malentendidos, a incomprensión", apuntou. Pero lonxe de abandonar, colleron forzas para iniciar un novo proxecto, un club con sentido de pertenza a un barrio, Santa Marta, que como eles está a medrar e a buscar unha identidade en torno ao deporte. "Partimos de cero e queremos xuntar forzas en torno a uns valores máis aló do meramente resultadista e competicional", sinalou. De aí, o seu nome: EDS Santa Marta (Esforzo, Deporte e Saúde).

Pola súa banda, Javier Fernández destacou que é moi importante para Santa Marta "facer barrio como se fai noutras partes da cidade con outros clubs deportivos" e que o deporte base "debe estar por enriba da competición, dos resultados". Na mesma liña, Esther Pedrosa felicitou ao EDS Santa Marta pola iniciativa e amosou todo o seu apoio ao proxecto.

No acto de presentación tamén estaban presentes Enrique Vázquez, técnico responsable do departamento de Centros Socioculturais; Sandra Quintana, responsable do CSC de Santa Marta; Olga Raíces, directora do CEIP Cardeal Quiroga Palacios; Luis Regueiro, director do colexio La Milagrosa; e representantes da Asociación de Veciños de Santa Marta.

Direcciones relacionadas



Compartir: