ACCIÓN CULTURAL

Preséntase o DVD e o enlace en internet do proxecto didáctico "Os nosos instrumentos hoxe", que se distribuirá entre os centros educativos de Galicia

20/05/2021 O domingo 23 de maio a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela presentará no Auditorio de Galicia a proposta didáctica "Os nosos instrumentos hoxe". Son un total de 11 melodías, tocadas con 17 instrumentos tradicionais, e incluídas no DVD co que se agasallará ás persoas asistentes, e que hoxe presentaron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e os autores do proxecto: o intérprete e mestre de instrumentos Suso Vaamonde; e o director da banda, Casiano Mouriño.

O DVD de "Os nosos instrumentos hoxe", do que se editaron en principio 1.500 unidades, distribuirase, a través da concellaría de Educación, nas escolas e institutos de Santiago de Compostela. Tamén está previsto que chegue, máis adiante, ao resto de centros escolares de Galicia, que xa poden acceder a todos os contidos na
canle de You Tube da Banda Municipal de Música de Santiago. Outra opción, se algún centro educativo está interesado neste traballo, é solicitar o DVD directamente á banda de música.

"Os nosos instrumentos hoxe" permitirá, segundo explicou Mercedes Rosón, traballar nas aulas contidos e competencias actitudinais e procedimentais a partir de diversos instrumentos musicais tradicionais que ofrecen melodías populares, pero tamén pezas de compositores de música clásica tan coñecidos como Wagner, Bizet ou Rossini.

A estrutura do DVD artéllase en tres partes: a visualización só do concerto da Banda de Música co solista, a modo de concerto didáctico musical; a visualización só das explicacións dos instrumentos un por un, o que constitúe un importante material de traballo para os centros de ensino; e a visualizacióin combinada, na que antes da interpretación de cada tema musical, o solista explica o funcionamento e características do instrumento que se vai escoitar. Cada DVD leva por detrás un código QR, que permitirá acceder a todos estes contidos.

Segundo destacou Suso Vaamonde, o estar xa subido a internet, tamén permitirá "o acceso desde todas as partes do mundo" e universalizar o que Rosón definiu como "unha viaxe músical a través das nosas raíces". É unha ferramenta, sinalou Casiano Mouriño, "para que os colexios poidan coñecer a banda e a nosa música".

Este proxecto didáctico naceu da man de Vaamonde e Mouriño, co obxectivo de difundir a música tradicional en tempos de restricións sanitarias. Escolleron os seguintes instrumentos: acordeón, asubío, castañeta, charrasco, coitelo, culleres, cunchas, gaita, lata, morteiro, ocarina, pandeira, pandeireta, turruñolas, trimpa e zanfona; e con eles interpretaron tanto pezas do repertorio popular, como de grandes compositores. E agora, grazas ás novas tecnoloxías, a súa execución e interpretación vai chegar a todas as partes do mundo; outra das finalidades que ser perseguían co proxecto "Os nosos instrumentos hoxe".

Documentos relacionados



Compartir: