MOCIDADE

O luns 24 de maio ábrese a inscrición no "Campamento de verán de surf", destinado á mocidade de 14 a 17 anos

20/05/2021 A concellaría de Mocidade organiza unha nova edición do "Campamento de verán de surf", destinado a menores de entre 14 e 17 anos, que se desenvolverá en Oleiros, entre o 2 e o 9 de xullo. Contará con 20 prazas, e ten como obxectivos, segundo explicou na presentación o concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, "prestar un servizo á cidadanía máis moza, e facilitar as relacións intepersonais entre eles a través de distintas actividades didácticas, deportivas e de lecer". O prazo de inscrición comeza o vindeiro luns, 24 de maio, e remata o 11 de xuño.

Trátase dun campamento relacionado co mar, onde se mestura a práctica dos deportes náuticos coa flora e fauna mariña. As actividades programadas organízanse en torno a diversos eixos temáticos como son o xogo, o deporte, a saúde e a calidade de vida, o coñecemento e a cultura, a conservación e o respecto pola natureza. Requiren, todas elas, dun esforzo físico constante debido á práctica continuada de actividades deportivas comosurf, snorquel, sendeirismo, kaiak, ou paddel board, entre outras.

O prezo por participante, que pasarán eses días de campamento no albergue de Santa Cruz, no concello de Oleiros, é de 120 euros. Por segundo irmán, ou familias numerosas, redúcese a 100 euros.

A preinscripción pode realizarse mediante o impreso subido á web do concello de Santiago, debidamente cuberto, que se deberá entregar no Rexistro Xeral do Concello de Santiago.

As prazas serán cubertas por rigoroso orde de preinscrición, tendo prioridade para participar os mozos e mozas de 14 a 17 anos (ou que cumpran 14 anos no ano en curso) empadroados no Concello de Santiago. No caso de quedar prazas vacantes atenderanse outras solicitudes.

Este campamento intégrase en Educa-Concilia, o marco que engloba as distintas actividades programadas durante os periodos non lectivos, que ademáis de ofrecer alternativas de ocio, dan resposta ás demandas de conciliación das familias de Santiago. A programas como "Vive o Verán. 2021", con 150 prazas, ofertado pola rede de Centros Socioculturais; ou os obradoiros de verán das escolas infantís, con 45 prazas, do departamento de Educación; súmanse agora estas 20 prazas que ofrece o "Campamento de surf" organizado pola concellaría de Mocidade.

Documentos relacionados



Compartir: