SERVIZOS BÁSICOS

Compostela, premiada pola súa xestión da auga

22/03/2007 O concelleiro de Infraestruturas e Servizos Básicos, Bernardino Rama, recolleu en Barcelona o premio Aquacivit 2007, nun acto celebrado nas torre Agbar. Este galardón recoñece a optimización dos materiais empregados nas redes interiores e nas redes de distribución de auga potable para a obtención dunha óptima calidade da auga.

O premio Aquacivit, promovido polo grupo editorial Recoletos e o Grupo Agbar, promove a xestión eficiente e recoñece os mellores proxectos de municipios e mancomunidades para o bo uso e xestión da auga. Ten tres categorías: políticas de consumo racional da auga, políticas de innovación tecnolóxica na xestión do ciclo integral da auga e políticas de respecto ao medio ambiente na xestión do cilo da auga. Santiago foi premiada na segunda das categorías.

A cidade compartiu premio con Teulada-Moraira, Benitatxell, Granada, Benavente, Xunqueira de Espadañado e Alicante. Tamén houbo outras seis mencións especiais.

O proxecto compostelán baseouse no estudio exhaustivo da adecuación dos materiais empregados nas redes internas e de distribución da auga distribuída en todo o termo municipal. O obxectivo fundamental é establecer os materiais máis axeitados para as redes das novas edificacións e poder establecer a posible migración de determinados compostos químicos á auga distribuída que poidan alterar as súas calidades.

Como base para este estudio construíuse unha planta piloto para investigar el efecto dos diferentes materiais empregados nas redes interiores e de distribución de auga, e así comprobar os fenómenos de corrosión e liberación de substancias a partir dos mesmos á auga. Esta planta piloto permitirá reproducir a escala de laboratorio o que ocorre nas redes existentes na realidade. O custo do proxecto é de 203.010 euros, subvencionados pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

Grazas a estas actuacións elixiranse os materiais máis axeitados, mellorarase a calidade da auga distribuída e, en consecuencia, diminuírase o custo dos post-tratamentos. Igualmente, prolongarase a vida útil das instalacións e, en xeral, mellorarase o rendemento das redes de distribución.

Compartir: