CENTROS SOCIOCULTURAIS

Xa se coñece o cartel que ilustrará o programa Vive o Verán da rede de Centros Socioculturais, que o venres organiza unha conferencia sobre a vespa velutina

19/05/2021 Unhas flores na marxe dun río reflectidas sobre a auga. É o debuxo que ilustrará os carteis da campaña Vive o Verán 2021. Pintouno Ainara, de 11 anos, usuaria da actividade de pintura no Centro Sociocultural de Conxo. A súa proposta foi a que máis "gústame" obtivo nas redes sociais, das 19 que se presentaron. Agora, todas elas serán expostas nun centro sociocultural.

Desde o 5 ata o 29 de abril estivo aberto o o prazo do certame de debuxos que ían ilustrar o cartel de Vive o Verán 2021, e que logo foron publicados no Facebook da rede de Centros Socioculturais, establecendo a data do 15 de maio como remate da votación. O debuxo gañador, o de Ainara, obtivo 955 "gústame". En conxunto, todas as propostas recibiron un total de 2.487 gústame ou encántame. Todos os debuxos poden verse na galería de fotos do Facebook dos Centros Socioculturais.

Neste momento, está aberta a inscrición no programa "Mañás de verán e xogo. Vive o verán 2021" que organiza o departamento de Centros Socioculturais que dirixe Javier Fernández. Finaliza o sábado, 22 de maio. Ofrece un total de 150 prazas para distintas actividades, destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 14 anos, no marco dun proxecto máis amplo denominado Educa-Concilia, que ten por obxectivo dar unha resposta, o máis ampla posible, ás demandas de conciliación das familias de Santiago.

Das 150 prazas dispoñibles, 60 pertencen aos CSC urbanos e 90 aos do rural. En concreto, o CSC de Fontiñas ofrecerá, 20 prazas para menores de 6 a 10 anos baixo a temática "Verán rechamangueiro". Santa Marta, outras 20 para nenos e nenas de 4 a 8 anos destinadas a "pequenos artistas"; e o Centro Sociocultural de Vite outras 20 prazas, para menores de 7 a 14 anos baixo a temática "Aventura en Vite".

Os centros socioculturais de Figueiras, Lavacolla, Nemenzo, A Gracia, Marrozos, Villestro, acollerán as "Mañás de xogo nos CSC do rural". Serán un total de 15 actividades por centro, en horario de luns a venres, de 09:30 h. a 14:30 h.

Entre todas as inscricións válidas recibidas, realizarase un sorteo, que terá lugar o 3 de xuño.

Conferencia sobre a vespa asiática
O venres, 21 de maio, comeza a programación deseñada pola rede de Centros Socioculturais con motivo do "Día mundial das abellas", que se celebra mañá. Será coa conferencia "Coñezamos a vespa asiática (Vespa velutina). É perigosa para a saúde?", impartida por Xesús Feás, científico e experto en apicultura. Está programada para as seis da tarde no CSC do Castiñeiriño. Como os aforos son limitados por mor da normativa anticovid, recoméndase as persoas interesadas en asistir que se informen antes no teléfono do centro: 981 54 24 59

Xesús Feás Sánchez é apicultor; e artífice do primeiro apiario experimental sobre a velutina, denominado 'Velvet Apiary Velutina Veterinary Research'; un colmear que tiña coo obxectivo investigar a presenza de vispas asiáticas e a resposta das abellas melíferas. Nos anos 2015-2016 desenvolveu un curso destinado a bombeiros, para habilitar un métido seguro para atrapar e capturar niños de velutina. En 2017 obtivo, con éxito, veneno puro desta vispa; involucrouse nun proxecto da Universidade de Santiago sobre a velutina, e obtivo imáxes de micro TC sobre estes insectos. Desde entón levou a cabo distintas probas, con éxito, de trampas comerciais para capturar velutinas.

Ademais de conferencias, ata o 28 de xullo tamén se desenvolverán, nos CSC de Castiñeiriño, Fontiñas, Marrozos, Laraño, O Romaño, Vite e Santa Marta, obradoiros e catas de mel. O obxectivo é familiarizar as persoas usuarias e a cativada co mundo da apicultura desde distintas perspectivas.

Compartir: