XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de goberno local aproba as bases das subvencións a asociacións culturais o mesmo día que o BOP publica as axudas a actividades para o sector profesional

18/05/2021 A Xunta de Goberno Local, aprobou hoxe as "Bases da convocatoria de subvencións para asociacións culturais 2021"; á que se destinan 48.500 euros; o mesmo día que o BOP publica as "Bases reguladoras da convocatoria de axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional 2021", que contan cun orzamento de 554.992,90 euros, que xa se poden solicitar desde mañá, 19 de maio. Das dúas convocatorias informou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.

As subvencións para asociacións culturais están destinadas a entidades do sector inscritas no rexistro municipal de asociacións. A convocatoria establece que son actividades subvencionables todas aquelas que teñan un carácter cultural, que se executen dentro do termo municipal de Santiago e que sexan abertas o público. Non poderán ser subvencionables as actividades gastronómicas nin os cursos formativos.

As actividades obxecto de subvención deberán ter como data de celebración as comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 24 de outubro de 2021. Os gastos elixibles serán aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nas bases reguladoras, en particular: programación (por exemplo: cachés), persoal, produción, medios técnicos, promoción, publicidade ou gastos xerais. Non poderán ser obxecto de subvención os gastos derivados da adquisicións de bens inventariables nin os que correspondan a actividades ou servizos que non estean directamente relacionados coas actividades subvencionadas.

O importe máximo da subvención para cada actividade será do 80 % do seu orzamento cun límite máximo de 5.000 euros. O período de solicitude será de un mes, contado a partir da data de publicación da convocatoria no BOP da Coruña. O prazo de xustificación da subvención será o comprendido entre o 1 e o 29 de outubro de 2021.

Axudas a actividades culturais
A maiores, mañá ábrese o prazo de inscrición das axudas destinadas a apoiar as actividades culturais para o sector profesional, despois da súa publicación, hoxe, no BOP.

Esta convocatoria de subvencións ten por obxecto o fomento das actividades culturais organizadas polas persoas e entidades dedicadas profesionalmente á produción de actividades culturais e artísticas do concello de Santiago de Compostela durante o ano 2021. Contan cun orzamento de 554.992,90 euros, e igual que as axudas de comercio e hostalería, foron consensuadas co sector. A contía máxima que se concederá a cada solicitante será de 35.000 euros e en ningún caso excederá do 80% do orzamento da actividade, excluido o BOP.

As actividades subvencionables son todas aquelas que teñan carácter cultural; que se executen dentro do termo municipal de Santiago de Compostela e que sexan abertas ao público; que beneficien colectividades xenéricas de persoas e non estean destinadas exclusivamente a persoas socias, partícipes ou clientes da solicitante. As actividades subvencionadas deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 24 de outubro de 2021.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado desde mañá. As solicitudes presentaranse no rexistro do Concello de Santiago de Compostela ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de xustificación das actividades subvencionadas será do 1 ao 29 de outubro de 2021.

Outros acordos
Na Xunta de Goberno Local de hoxe tamén se autorizou o inicio de trámites para proceder a recepción das obras de "Execución do proxecto de reparación do muro entre as rúas París e Luxemburgo en Fontiñas"; aprobouse o "Plan de Seguridade e Saúde do obradoiro de emprego Xiros dos montes de Compostela". A maiores, aprobáronse dúas licenzas de obra de rehabilitación de vivenda unifamiliar e de rehabilitación e mellora da accesibilidade nun edificio da rúa Home Santo. Tamén se deu luz verde a varios expedientes de convalidación de gastos.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: