TURISMO

Turismo de Santiago desenvolverá en Fitur un amplo programa de promoción da cidade

18/05/2021 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentou as actividades que desenvolverá Turismo de Santiago en Fitur, a principal feira turística de España e unha das máis importantes do mundo, que se desenvolverá do 19 ao 23 de maio, nunha edición fundamental para a recuperación turística. O concelleiro estivo acompañado pola xerente da entidade municipal, Flavia Ramil.

Sindo Guinarte presentou o novo logo para o "Ano Santo Compostelán 2021-2022", que se empregará para posicionar o evento, que se prorrogará excepcionalmente para o vindeiro ano por mor do Covid-19 e que será unha gran oportunidade para a recuperación turística da cidade a curto e medio prazo.

Turismo de Santiago presentará tamén en Fitur as novas videoguías da cidade, elaboradas polo director de cine compostelán Fernando Cortizo, que ademáis creou un innovador vídeo presentación que se estreará o mércores 19 en Madrid. Trátase dun servizo pensado para o novo turista 3.0, carcaterizado por un uso intenso de Internet e redes sociais.

As novas videoguías, que poderanse ver en www.santiagoturismo.com, están compostas por 26 vídeos breves que amosan os principais monumentos, parques e espazos da cidade. As videoguías están dispoñibles en sete idiomas para garantir a súa difusión nos principais mercados turísticos internacionais da cidade. Tamén estarán dispoñibles en linguaxe de signos.

O venres 21 Turismo de Santiago participará no programa especial da Organización Mundial do Turismo (OMT) adicado á "Recuperación Turística". A OMT é un organismo das Nacións Unidas encargado da promoción dun turismo responsable, sostible e accesible. A entidade das Nacións Unidas escolleu o Plan de Turismo de Santiago no ámbito das "Estratexias de Marketing para a Recuperación Turística".

Turismo de Santiago aprobou o seu "Plan de Reactivación da Actividade Turística" en abril do 2020, durante o periodo de confinamento do primeiro Estado de Alarma. O Plan contemplaba tres liñas estratéxicas: análise dinámico da situación; medidas para a captación de turismo e posicionamento da cidade; e liñas de apoio dirixidas ao sector. Estes tres eixos contemplaban 16 accións que tiñan por obxectivo recuperar o antes posible o posicionamento de Santiago como un destino turístico de calidade e acolledor.
Na súa, exposición de Turismo de Santiago centrarase nunha das accións máis destacadas do Plan de Reactivación: a campaña de comunicación que se fixo a través de Redes sociais dende comezos do mes abril do ano pasado e que foi evolucionando, adaptándose en cada momento a situación sanitaria e as restricións á movilidade turística. En conxunto lográronse máis de 20 millóns de impactos nos segmentos obxectivos a través de diferentes formatos de comunicación en redes sociais e Internet, superando amplamente as previsións iniciais.

Turismo de Santiago tamén foi seleccionado pola Rede de Destinos Intelixentes para participar na mesa redonda FITUR KNOW-HOW & EXPORT, que terá lugar o día 19. Dende a Rede de Destinos Intelixentes solicitouse á entidade municipal que expoña as principais liñas dos proxectos europeos Bodah e Smartiago.
Ademáis, Turismo de Santiago desenvolverá unha ampla axenda de encontros con profesionais do sector co obxectivo de promocionar Santiago como unha Cidade Patrimonio da Humanidade e un destino cultural, gastronómico e con grandes espazos verdes nos que poder pasear con seguridade e tranquilidade, que ademais celebra un Ano Santo dobre que servirá de polo de atracción para millóns de persoas de todo o mundo.

Compartir: