MEDIO RURAL

Rematan as obras da senda peonil da rúa de San Martiño, en Aríns, que mellorará a seguridade dos peóns

15/05/2021 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; e o Concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, visitaron hoxe, 15 de maio, o remate das obras da "Senda peonil na Rúa de San Martiño" na parroquia de Aríns, que contaron cun orzamento de adxudicación de 319.420 euros, e un prazo de execución de cinco meses. Na visita tamén estiveron presentes o presidente da Asociación de Veciños de Aríns, José Cebey Aldrey; e Manuel Baluja, membro da directiva.

As obras enmárcanse dentro do plan POS+ que desenvolve a concellería de Medio Rural en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña. Consistiron na execución dunha senda peonil ao longo da marxe oeste da Rúa de San Martiño, dende o cruce coa estrada autonómica AC‑261, nas proximidades do Igrexa de Aríns, ata a senda existente na Rúa das Estrelas, na glorieta de acceso ao Monte do Gozo.

José Manuel Pichel sinalou que esta actuación, "representará, sobre todo, seguridade para os peóns", xa que facilita un percorrido seguro segregado da circulación dos vehículos pola calzada. Permite o acceso ás vivendas existentes na rúa e nas súas inmediacións, ao local social, á área deportiva da parroquia e ao cemiterio veciñal. Por outra banda formaliza tamén unha nova ruta de andaina que pode conectarse coas sendas do novo parque mitolóxico de O Viso, do rego de Aríns ou de Santa Lucía, da estrada de Aríns, do Monte do Gozo e co futuro tramo da senda do Sar (O Viso-A Sionlla) que conectará coa prevista vía verde do antigo trazado ferroviario.

A senda desenvólvese ao longo de 2.330 metros da rúa e ten un largo medio de 2 metros. Está constituída por unha capa superior de xabre granítico estabilizado de 10 centímetros de espesor, sobre unha base de balastro artificial de 20 centímetros de espesor. Conta con canalizacións soterradas para a recollida das augas pluviais, mediante embornais e levadas de bordo, e para o alumeado público. Para o acceso as parcelas e vivendas lindantes executáronse pasos en formigón coloreado.

Compartir: