ALCALDÍA

Chamada de atención á cidadanía por parte do alcalde ante o incremento na incidencia de contaxios, que se triplicaron na última semana

14/05/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosou a súa preocupación polos datos de contaxios por covid-19, que se triplicaron na última semana. O rexedor deu cifras: o pasado 13 de maio a incidencia por cen mil habitantes a 7 días era de 13 casos; e hoxe é de 41. "É previsible que a cifra siga crecendo a próxima semana, e iso, indubidablemente, non é bo, e debemos facer unha chamada de atención" á cidadanía.

O número de casos totais, hai unha semana, era de 43; e hoxe son 65. "Non son datos en si alarmentes", xa que Santiago aínda está, sinalou o alcalde, por debaixo da media de Galicia e do Estado Español; pero "é preocupante o incremento da incidencia a sete días porque nos anticipa que esta cifra de 65 casos, previsiblemente vai continuar medrando nos próximos días".

Sánchez Bugallo indicou que os datos que manexa de "comportamento" dos composteláns durante estes días, que coinciden coas festas da Ascensión "son razoablemente bos". Pero, ante o incremento de contaxios, alerta que existe un aumento da mobilidade "despois do levantamento dos peches perimetriais"; e certa relaxación porque "nos parece que nos atopamos nun ambiente máis familiar que xulgamos máis seguro, pero o certo é que o número de casos por cen mil habitantes" incrementouse, "e ese é un dato que nos debe preocupar e que nos debe chamar a atención".

Aínda así, o rexedor valorou de xeito positivo "a normalidade coa que se están desenvolvendo as actividades e "o ambiente que hai" nas Festas da Ascensión, tanto os concertos como a programación cultural.

Axudas
O alcalde destacou o avance, esta semana, no proceso de convocatoria de axudas. "En comercio e hostalería, xa están abertos os prazos e xa se están presentando solicitudes". Quedan as subvencións a actividades culturais, aprobadas en Xunta de Goberno o pasado martes, 11 de maio, que están pendentes de publicar no BOP. Son en total, lembrou Sánchez Bugallo, 4,2 millóns de euros, "a maior convocatoria de axudas nunca feita polo concello de Santiago, que practicamente duplica á de decembro pasado, de 2,5 millóns".

O rexedor explicou que, a maiores destes 4,2 millons de euros, dentro do PRESS, o Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago, hai outro millón de euros adicional que se destinará aos bonos de aparcamento, os bonos-compra, e ás campañas de promoción de distintas actividades de dinamización, como o Prima21, que está previsto celebrar na primeira semana de xuño.

Tamén esta semana saiu a convocatoria das bases de venda ambulante e artesanía, coa que se vai completando, segundo indicou o alcalde, "o proceso de reestructuración de actividades artísticas, venda ambulante de artesanía, e venda de produtos de tempada na cidade histórica". Sánchez Bugallo recordou que en canto se publiquen oficialmente, ábrese o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar as licenzas e para "que se lle asignen os espazos correspondentes" nas rúas da cidade histórica.

Limitación velocidade
Por outra banda, o rexedor recordou que esta semana entraron en vigor os novos cambios que limitan a velocidade nas cidades. Explicou que as zonas 20, ademáis do Campus, estenderánse á contorna dos centros escolares, "e posiblemente e a outros ámbitos, como o Ensanche, aínda que non está decidido".

Sobre a limitación a dez quilómetros por hora en algún trámo da rúa do Hórreo, pensa "que non ten dificultade", e puxo como exemplo outros puntos onde xa existe esa limitación, como a "zona de San Francisco, a propia cidade histórica, ou o cruce entre a Rúa de Montero Ríos e a Rúa de Xeneral Pardiñas". Lembrou, tamén, que o límite de velocidade na zona do túnel de Conxo é de 50 quilómetros por hora. "Debo facer constar", sinalou, "que a maioría de condutores son conscientes desta limitación. Todo isto, engadiu, "ten un obxectivo: mellorar a seguridade vial en Santiago, e continuar reducindo o número de accidentes".

Compartir: