CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural de Santa Marta acolle durante o mes de maio a exposición "Dona Emilia e Compostela", que en xuño se trasladará ao CSC de Fontiñas

12/05/2021 O Centro Sociocultural de Santa Marta acolle, durante todo o mes de maio, a exposición Dona Emilia e Compostela. Hoxe abriu as súas portas ao público neste espazo, o mesmo día que se cumpren cen anos do pasamento da Condesa de Pardo Bazán, e despois de pasar polo Colexio de Fonseca. En xuño cambiará de espazo, e poderase ver no CSC das Fontiñas. Esta mostra amosa a fonda relación de Santiago na vida e na obra da que é considerada, por moitos, como a escritora galega mais universal.

Comisariada por José Manuel González Herrán, catedrático de Literatura Española da USC e vogal da directiva do Ateneo de Santiago; e por Santiago Díaz Lage, profesor na UNED; esta exposición ten como obxectivo visibilizar e reflectir o protagonismo e pegada de Santiago na vida e obra da escritora. Os dous comisarios, xunto aos conselleiros de Centros Socioculturais, Javier Fernández; e de Educación, Rubén Prol; e xunto a Francisco Candela, secretario do Ateneo de Santiago; asistiron á apertura da mostra, que estará exposta nos dous andares do centro sociocultural de Santa Marta.

As persoas usuarias dos centros socioculturais, veciñanza, asociacións, centros de ensino e estudantado poderán visitala de luns a sábado en horario de mañá entre as 10:00 h. e as 14:00 h. e en horario de tarde, entre as 17:00 h. e as 21:00 h.

Javier Fernández destacou a aportación de Emilia Pardo Bazán aos dereitos da muller, e sinalou que a posibilidade de mostrar a exposición nos centros socioculturais, "é unha extraordinaria oportunidade" para que as veciñas e veciños coñezan a vinculación da escritora coa cidade.

José Manuel González Herrán explicou as dúas partes nas que consiste a mostra. Dona Emilia en Compostela, que describe a situación da escritora na cidade; e Compostela na obra de Emilia Pardo Bazán. "Compostela ocupa", destacou o profesor, na biografía e na obra de Pardo Bazán, un lugar máis importante do que se creía. Sería incompleto un estudo do que é Pardo Bazán, prescindindo da pegada e da presenza de Compostela" na súa obra.

"Unha exposición didáctica" continuou González Herrán, que explica a quen a vexa, o que significou Santiago na biografía e na obra de Emilia Pardo Bazán". Esa finalidade didáctica, engadiu, "creo que se cumple máis levándoa ao ámbito cidadá dos centros socioculturais e dos barrios".

A continuación, en representación do Ateneo de Santiago, tomou a palabra o seu secretario, Francisco Candela. "Ata hoxe, sinalou, parecía que a escritora estaba máis vencellada a outra cidade, que se apropiaba dela, e a outras cidades en España; e pasaba de longo por Compostela. Penso que o traballo de investigación levado a cabo polos profesores González Herrán e Díaz Lage puxo en valor o vencellamento de Dona Emilia con Compostela, na súa faceta persoal, humana, e intelectual". Para nós, sinalou Candela, "é un pracer que a concellaría de Centros Socioculturais recollese esta exposición iniciada no Pazo de Fonseca hai dous meses, para prolongar a súa presenza entre a cidadanía de Santiago".

Na mesma liña se expresou o concelleiro de Educación, Rubén Prol, quen tamén resaltou a capacidade de Emilia Pardo Bazán para transmitir "esa vida burguesa" da época. Un labor "excelente", engadiu, "que a cidadanía vai desfrutar, e que tamén poderemos transmitir aos centros escolares, que poderán realizar traballos de educación complementaria" sobre a figura da escritora, xornalista, poeta e ensaista.

A mostra Dona Emilia e Compostela está organizada polo Ateneo de Santiago, en colaboración co concello de Santiago, a USC e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Compartir: